A mostra Galicia 100 trasládase á cidade da Coruña

martes, 4 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O presidente do Consello da Cultura Galega participou na inauguración coruñesa da mostra

A mostra Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración de AFundación e Abanca, debuxa “un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior” e goza tamén de apoios multimedia a través dunha aplicación móbil para iOS e Android, e unha páxina web nas que podemos ver fotografías, vídeos, animacións e recreacións tridimensionais que axudan tanto a dar a coñecer esta iniciativa como tamén poden empregarse como apoio durante a visita á exposición.

Manuel Gago é o comisario desta exposición que fai un repaso pola historia e a cultura de Galicia

Foi o pasado 10 de maio cando a mostra abriu as súas portas en Compostela, e tras varios meses aberta, inicia a súa segunda fase viaxando ata A Coruña, onde pode agora visitarse na sede de AFundación, onde conta cun espazo físico no segundo andar, onde podemos explorar a historia e cultura de Galicia a través dunhas pezas que van dende o Paleolítico ata os anos 90 do século XX, entre os que non podemos deixar de comentar a presenza dun computador IBM 1130 de 1969, cedido pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, e que é un bo exemplo da revolución tecnolóxica que marcou a segunda metade do século pasado.

A mostra permanecerá na Coruña ata o mes de xaneiro, con acceso de balde e visitas comentadas a cargo do equipo didáctico de AFundación os xoves e os venres ás 19:00 horas, aínda que cómpre salientar que o 21 de outubro será o propio comisario da exposición, Manuel Gago, quen realizará en persoa un percorrido pola mostra.
Tras a parada coruñesa, Galicia 100 trasladarase en xaneiro a Vigo, cidade na que a mostra permanecerá aberta ata o mes de abril.

Manuel Gago realizará en persoa un percorrido pola exposición o vindeiro 21 de outubro