A nosa lingua incorporou nun ano máis de 2.000 neoloxismos, moitos deles ligados ás TIC
xoves, 25 de abril do 2019
As
empresas, as sociedades, as culturas, o noso xeito de comunicarnos
entre nós e cosas cousas, transfórmase de continuo co espallamento
das novas tecnoloxías. E a nosa fala tamén. Segundo
un estudo do Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, a
lingua galega acubillou só no último ano máis de 2.000
neoloxismos, gran parte deles relacionados coa sociedade dixital.
Por exemplo: webisodio, cibercrime ou bioinformática.
En total detectáronse 2.144 novos termos.
A
investigación foi feita por un equipo de traballo dirixido polos
docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Xosé María
Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra e do que tamén forman
parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Gema Rocha Molina e
Anabel Garrido García.
As
investigadoras salientan casos de todos os ámbitos, non só do
ámbito TIC: sexodiversidade, webisodio (episodio dunha
serie producida para Internet), neorretranca, cinear
(dirixir películas), eucaliptizar, deseucaliptizar,
deseucaliptizador, ecocabicha, biodanza, biofilm, bioinformática,
cibermedio, cibervoluntario, cibercrime, ecofascista, ecocidade
ou ecogranxa. Tamén destacan préstamos directamente ligados
ás redes e á formación innovadora, como podcasting, hater
(relativo a unha rede social) ou mentoring.
Segundo
engaden, a meirande parte destes candidatos a neoloxismos
créanse a partir de procedementos que identifican como “formais”
(recuncamento, breoganista, museable; anti-austeridade,
neotopónimo, contrapiquetes; secapastas; aerotermia,
autopublicidade...), unha oitava parte son estranxeirismos
“maioritariamente sen adaptar” (quiche, photocall, fake news,
calzone...) e hai tamén exemplos de neoloxismos semánticos
(tuiter, tubo...).
A
investigación tamén pon nomes aos medios de comunicación que
serviron de base ás pescudas dos novos termos, entre os que se
inclúe o noso, Código Cero, por ser un medio especializado,
precisamente, noutro ámbito de actividade especialmente cambiante e
suxeito a transformacións miúdas, complexas e continuas: o ámbito
das novas tecnoloxías da información. Tamén inclúen a Galicia
Confidencial, GCiencia, Praza Pública, Sermos Galiza ou o propio
Diario Dixital da Universidade de Vigo, o DUVI.
Os
resultados de investigación foron presentados recentemente na III
Xornada de Neoloxía celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución
e na que se contou coa participación de Fernando Ramallo, director
da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo,
departamento que leva varios anos colaborando co observatorio; o
propio persoal do observatorio, e de Judit Freixa, coordinadora do
Observatori de Neologia da Universitat Pompeu Fabra. Ademais contouse
tamén coa asistencia, entre outros, do profesor da Facultade de
Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, coordinador do grupo
de investigación TALG, Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega,
ao que pertence o propio Observatorio de Neoloxía.
A
día de hoxe, a Neoteca da Uvigo contén máis de 10.000 rexistros
neolóxicos identificados e documentados nun corpus de prensa galega
publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual,
datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación
léxica.
