A nova canle de R de música en vivo preséntase cunha achega inicial de 32 concertos

venres, 30 de novembro do 2012 Redacción

A cantante galega Uxía forma parte da selección de R e a Casa de Tolos

Tal e como adiantamos este xoves, o estudo de gravación Casa de Tolos e o operador galego de telecomunicacións, R, deron a coñecer en Culturgal os obxectivos, liñas a seguir e contidos do seu proxecto en común: a canle de música en vivo Tolemias. Esta achega, segundo fixeron saber R e o estudo de gravación ampliando a información que avanzamos onte, parte dunha escolma inicial de 32 concertos gravados pola xeografía galega e poderá accederse a ela a través do servizo de vídeo baixo demanda da operadora. O obxectivo común é levar ás nosas casas (potencialmente máis de 100.000 fogares galegos, clientes da TV dixital de R) toda a forza do directo.
E todo isto, sinala a Casa de Tolos, “respectando en todo intre o sentido da música en vivo no referente ao hábitat propio do músico –non nun plató- pero tamén no que lle compete ao son e ao escenario”.
Como dixemos, os clientes de televisión de R poderán acceder a esa selección de concertos de Casa de Tolos a través do servizo de subscricións da compañía, de balde para todas e todos neste período de lanzamento. A televisión dixital interactiva do operador galego permitiralle ao usuario acceder á listaxe de contidos á que se subscribe e, desta volta, visualizar os concertos en vivo de Tolemiastantas veces coma queira, no momento en que desexe, pudendo facer pausas ou rebobinar ao seu gusto (coma se dun DVD se tratase)”, informaron na mañá deste venres en Culturgal.
No que se refire ao contido da canle propiamente dito, dicir que nos vai pór ao alcance da man as mellores actuacións que a Casa de Tolos estivo a rexistrar recentemente en terras galegas e do norte de Portugal. A idea é seguir alimentando a escolma cada pouco dándolle forma “a unha canle de subscrición variada, ampla e para todos os públicos na que se integren diferentes estilos musicais”.
Arestora a escolma inclúe dende concertos multitudinarios ata actuacións en teatros, auditorios ou pequenos pubs, sobre todo de músicos galegos pero tamén de bandas estranxeiras que viñeron actuar á nosa comunidade. A achega compleméntase coa serie ENREDE (Rede galega de Música ao Vivo) e con oito novos concertos cada mes. Cada actuación, sinala R, ten a súa personalidade de seo, pero todas elas contan cos seguintes ingredientes comúns: ritmo visual, respecto interpretativo, imaxe musical e son impecable.

PUBLICIDADE