A nova operadora FibraRianxo levará Internet de alta velocidade ao último recuncho do concello

martes, 28 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Rianxo vén de compartir novidades acerca da súa colaboración coa operadora RedeAberta.gal, un traballo conxunto destinado a despregar unha rede neutral de fibra óptica e levar, en última instancia, Internet de alta velocidade a todas as parroquias e vivendas do termo municipal (e así rematar coa fenda dixital no concello, dinamizar o territorio e evitar o despoboamento no rural). O proxecto conxunto deu como resultado nesta recta final de ano á que sería a primeira teleoperadora local, FibraRianxo.com, que sería a empresa de telecomunicacións encargada de fornecer de servizos de Internet aos fogares e empresas rianxeiras. Farao a través de RedeAberta.gal e complementarase con outras solucións de conectividade para zonas rurais e de telefonía móbil.
Segundo comunicou o Concello, a rede empezarase a despregar ao longo de 2022 en 3 fases, ata chegar "ata a última casa da última aldea", seguindo a mesma filosofía que RedeAberta está a desenvolver noutros concellos nos que xa ten presencia.
Con esta colaboración o Concello de Rianxo pretende axudar “na solución dos problemas de cobertura de redes de alta velocidade que sofren non poucos núcleos rurais e incluso urbanos do municipio”.

PUBLICIDADE