A nova web da UVigo aposta polo diálogo directo coa comunidade internauta

martes, 15 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Quen visite hoxe a web da Universidade de Vigo, www.uvigo.gal, será testemuña dunha serie de transformacións radicais, tanto de forma (sobre todo) como (tamén) de contido. Estamos a falar do novo sitio en liña da institución académica, que pon o remate aos dez anos de actividade do anterior site, apostando de cheo pola claridade de contidos e por unha disposición dos mesmos que despexa o escenario de todo elemento sobrante e de todo aquilo que se poida interpoñer entre a comunidade de usuarios e a información en si mesma.
A nova web foi dada a coñecer hoxe na sala de xuntas da Reitoría. Segundo fixo saber o reitor en funcións, Salustiano Mato, é “froito do traballo da comunidade universitaria e de persoas expertas, que non só implica un cambio tecnolóxico, senón un cambio de mentalidade”.
Na compaña do vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, ambos os dous en funcións, e o director da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións, ATIC, Juan Aguiar, o reitor salientou que este novo portal institucional permite á comunidade universitaria ser “dona do que manexa, permitindo que a información flúa de xeito coherente”. Pola súa banda, o director de ATIC, incidiu en que o novo portal permite “modernizar como nos comunicamos cos públicos, situando ás persoas usuarias no centro”.
Segundo explicaron, a remodelación de www.uvigo.gal funciona a xeito de quebracabezas ou mashup, “recollendo información das aplicacións de xestión e converténdoas en material para a comunicación”, co obxectivo de conseguir un diálogo directo e “un acceso aos servizos máis eficiente”.
O sitio, como pode comprobar xa quen o visite, dá acubillo na súa nova estrutura ao boletín DUVI coas novas que acotío abrollan dos tres campus da universidade; ás redes sociais; á axenda cos eventos máis destacados; a avisos publicados polos diferentes servizos e a outras novidades de interese para a comunidade universitaria.
Polo que se refire á tipografía empregada, é a Roboto, unha familia deseñada en 2012 por Christian Robertson, ao tempo que se optou como cor, “para non interferir coa identidade corporativa da universidade, por un azul moi escuro”.
Salustiano Mato engadiu que “este proxecto impulsado desde a Vicerreitoría de Economía e Planificación e a Xerencia, é algo dinámico que busca adaptarse aos tempos que corren, renovando a comunicación web, modernizando o xeito de transmitir información aos públicos que se relacionan coa universidade e facilitando a forma de traballar das persoas que publican información no novo portal”. Ademais, explicou que a páxina “amosa o que somos e como somos dun xeito máis moderno e eficiente, os valores que nos definen, especialmente ser un proxecto común baseado na innovación permanente”.
A nova web, que opera de maneira eficaz e dinámica en pantallas de computador, móbiles e outros dispositivos electrónicos, desenvolveuse 100% con tecnoloxía de software libre e está organizada en perfís: estudantes, PAS, PDI e empresas e áreas temáticas relativas á universidade, docencia, investigación, vida universitaria e captación.

PUBLICIDADE