A obra teatral Mozas nas redes axuda a concienciar sobre o acoso en redes sociais

venres, 25 de abril do 2025 Redacción

O alumnado de 1º de BAC do IES Sanxillao asistiu hoxe, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, á representación de Mozas nas Redes, unha montaxe teatral sobre o acoso e a violencia sexual a través das redes sociais. A obra está protagonizada pola actriz Estíbaliz Veiga e dirixida por Xosé Leis.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron na actividade, que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade. A montaxe, destinada ao público mozo, está a percorrer distintas cidades e localidades galegas.
Os responsables autonómicos sinalaron que este tipo de iniciativas contribúen a que os rapaces «tomen conciencia dos perigos asociados ao uso das redes sociais, como o grooming ou o cyberacoso» e «axudan a identificar condutas e situacións conflitivas que poñen en risco a súa seguridade».
A obra amosa unha sucesión de episodios nos que se relata como catro mozas adolescentes, de distintas condicións sociais, situacións familiares e aptitudes académicas, acaban caendo nas redes de acosadores na Internet. Todas as personaxes son interpretadas pola mesma actriz, que vai mudando de papel en cada escena.