A plataforma-aplicación galega CO2ST-TEM acadou a cifra de 175 instalacións internacionais

xoves, 30 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A empresa galega CO2 Smart Tech vén de acadar un relevante fito en materia de presenza e repercusión da súa tecnoloxía, orientada a mellorar, con recursos intelixentes, a xestión enerxética das industrias. Segundo fai saber a firma, que ten sedes de seu en Bueu e máis en Oleiros, o seu sistema de monitoraxe e de xestión técnico-enerxética, CO2ST-TEM, acadou xa a cifra de 175 instalacións. Entre as que compañías nas que ten presenza activa figuran Pescanova (España e Namibia), FINSA (7 plantas), Showa Denko (antiga SGL Carbon), Gestamp (EE UU e México), DS Smith, Reydel, Grupo COPO, Fandicosta, CONGALSA, Altia ou Conservas Isabel.
Das 175 instalacións nas que se implantou o sistema, 98 pertencen a instalacións industriais, destacando sectores como a alimentación, o motor, os derivados da madeira, o empaquetado, o plástico ou o metal, cunha incidencia especial, nos últimos meses, dos sectores das enerxías renovábeis.
A nivel xeográfico, o sistema está implantado internacionalmente en 35 instalacións, destacando a nivel industrial EE UU, México, O Salvador e Namibia, onde se monitorizan plantas industriais adicadas aos sectores da automoción e alimentación. No referente a gran terciario, o sistema está implantado en edificios de oficinas de capitais como: Londres, Berlín, Seul, Lisboa, ademais de casinos en Centroamérica.
Os usuarios do sistema son na súa gran maioría responsables técnicos de instalacións: responsábeis técnicos e de mantemento, xefes de planta e produción, facility managers, así como responsábeis a nivel dirección, financeiro e de control de xestión.
Lembrar que o sistema de monitoraxe industrial CO2ST-TEM é unha plataforma web de optimización enerxética e técnica de instalacións que permite, entre outras cousas, que só contando cun dispositivo conectado a Internet, teñamos acceso permanente a avanzados recursos de visualización, análise e control de calquera instalación. A ferramenta inclúe versión móbil para smartphones e tabletas con sistema operativo Android que mantén o deseño e a estrutura de navegabilidade do sistema de seguimento industrial e xestión (técnico-enerxética) do mesmo nome, contando coas súa principais funcionalidades.

PUBLICIDADE