A plataforma dixital MeuBook dá acubillo ao catálogo da Fundación Camilo José Cela
xoves, 12 de abril do 2012
MeuBook,
a plataforma de contidos dixitais impulsada pola imprenta santiaguesa Tórculo,
vén de anunciar unha nova incorporación ao espazo de seu: o
catálogo de obras da Fundación Camilo José Cela. Esta colaboración,
materializada este mes de abril, ten por obxectivo a difusión das obras da
devandita entidade, e, a maiores, achegar o legado do Premio Nobel de
Literatura ás novas xeracións, plenamente afianzas no emprego das ferramentas e
redes tecnolóxico-sociais.
Meubook, plataforma en liña que opera nas
novas canles de xestión, difusión e venda, pon á nosa disposición, grazas a
este acordo, achegas como a revista de creación literaria El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, así como a publicación
creada e dirixida polo propio escritor, entre 1956 e 1979, Papeles de Son Armandans. Tamén se poderá acceder á colección de
contidos en liña de A xoubiña voadora,
así como a novos contidos que edite a Fundación en datas vindeiras e tanto en
formato dixital como en feitura tradicional. “Deste xeito”, informan, “a
Fundación pretende achegarse a novos usuarios e fomentar a lectura, a creación
literaria e a investigación en todo tipo de soportes e formatos, uníndose a un
proxecto editorial punteiro como é MeuBook”.
