A presidenta de Chile acode á posta en marcha da plataforma da Bolsa de Emprego desenvolvida por Altia

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Redacción

Onte celebrouse en Chile unha “botadura” tecnolóxica de primeiro nivel e que nos colle de preto. Máis en detalle, a posta en marcha oficial da nova plataforma tecnolóxica da Bolsa Nacional de Emprego de Chile, BNE, desenvolvida pola empresa galega Altia. O acto contou coa presenza da presidenta de Chile, Michelle Bachelet, o alcalde da municipalidade de La Granja, Felipe Delpin, a ministra de Traballo e Previsión Social, Alejandra Krauss, o presidente de Altia, Tino Fernández e o director asociado da empresa e responsábel da execución do proxecto para a BNE, Jesús Deza. Na súa intervención, a presidenta chilena sinalou que a nova plataforma informática da BNE “permite facilitar o encontro entre a oferta e a demanda de emprego, a través dunha potente ferramenta dispoñíbel as 24 horas ao día, os sete días da semana e desde calquera lugar de Chile”.
En virtude dos traballos feitos por Altia, a Bolsa fornece “un moderno servizo de información e mediación laboral a través dunha plataforma web”, engadiu a presidenta.
Segundo lembrou, a plataforma ten dúas grandes vantaxes. Por unha banda, é de balde para todos os usuarios e todos os servizos. Pola outra, permite acceder ás certificacións que se requiren, tanto para acreditar títulos ou experiencia laboral, como para a obtención dos beneficios do seguro de cesantía.
Cómpre sinalar que a través da BNE o Goberno chileno fornece prestacións ás persoas que perderon o seu traballo e, tamén, facilita a procura de emprego permitindo a visualización e dispoñibilidade de vacantes laborais por parte de potenciais axentes a prol do emprego. Ademais, posibilita a certificación automática para o acceso aos fondos de cesantía, a oferta dos cursos de capacitación e a interoperabilidade con outras organizacións (rexistro civil, oferta pública de emprego, etc).
Ao abeiro do contrato asinado coa BNE, a empresa galega está a ocuparse tamén da administración e do mantemento do portal. Ademais, encárgase da subministración, instalación, mantemento e acubillo da infraestrutura tecnolóxica do portal.

PUBLICIDADE