A primeira Xornada de Negocio e Networking do Clúster TIC Galicia contribuíu á creación de sinerxías no sector
xoves, 16 de febreiro do 2012
Representantes de empresas de diversas áreas de actividade
dentro das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións compartiron hoxe unha
intensa mañá de traballo na primeira
Xornada de Negocio e Networking do Clúster TIC Galicia.
A actividade, que se desenvolveu en Santiago de Compostela baixo o lema Facendo nacer as
oportunidades, articulouse en dúas roldas de reunións cara a cara entre
os participantes. Deste xeito, puxéronse as bases para trazar relacións de
confianza co obxectivo de encontrar sinerxías e complementariedades entre os
diferentes negocios, identificando posibles clientes, socios, colaboradores e
vías de cooperación para poñer en marcha proxectos novos.
Na inauguración da xornada, Gerardo Crespo Riestra, presidente do Clúster,
destacou a importancia da colaboración no seo do sector TIC galego como resorte
para o fortalecemento dos negocios. Á vista do éxito da primeira edición da
Xornada de Negocio e Networking, anunciou unha próxima convocatoria do
encontro.
Crespo salientou tamén que, xunto ao fomento da cooperación intrasectorial, o Clúster
está a traballar na elaboración do plan de internacionalización do sector,
proxecto para o cal conta co respaldo da Consellería de Economía de la Xunta de
Galicia, e nunha axenda de I+D+i que incluirá proxectos capaces de dinamizar a
economía galega e que se centrarán, entre outros, nos terreos da Educación, o
Turismo e "as PEME do futuro".
A organización da primeira Xornada de Negocio e Networking foi unha iniciativa
do grupo de traballo de Mercadotecnia e Comunicación do Clúster TIC Galicia, en
resposta ao interese dos socios e empresas do sector por ampliar a súa base de
contactos para facer crecer os seus negocios, obxectivo para o cal resultan
adecuadas as iniciativas que promoven o coñecemento e a cooperación intrasectorial.
A actividade estivo aberta tanto a socios como a non socios do Clúster.

- A xornada contribuíu á establecer contactos entre profesionais do sector TIC

- Os participantes puideron compartir experiencias en encontros cara a cara
