A programación universitaria galega citouse na edición 2026 do certame AdaByron 2026

mércores, 29 de abril do 2026 S. P.

O pasado 24 de abril pola tarde celebrouse de forma simultánea nos tres centros do Sistema Universitario Galego que imparten o Grao en Enxeñaría Informática (a Facultade de Informática da Universidade da Coruña da UDC, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela da USC e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo da UVigo) unha nova edición do certame AdaByron Galicia 2026, consolidado como unha das competicións de programación máis destacadas para o estudantado universitario.
O evento reuniu equipos de distintas universidades galegas nunha xornada marcada pola innovación, a resolución de problemas e o traballo en equipo.
O certame AdaByron, nacido na Comunidade de Madrid e aberto desde 2022 a outras universidades españolas, ten como obxectivo “fomentar as habilidades de programación do alumnado e promover a súa participación en competicións internacionais como o ICPC (siglas de International Collegiate Programming Contest)”.
Para o devandito, o concurso propón retos de distintos niveis de dificultade, accesibles tanto para estudantes de primeiro curso como para perfís máis avanzados.
Entre os apoios do certame a nivel galego cóntase coa implicación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, que desempeñou un papel clave no desenvolvemento da competición, colaborando coa infraestrutura tecnolóxica. Grazas a un servidor do centro, a organización puido monitorizar en todo momento a evolución do certame mediante un xuíz virtual, encargado de avaliar automaticamente as solucións achegadas polos equipos participantes da Coruña con precisión e en tempo real.
Premiados
O equipo Riemann Haters 3.0, da Universidade de Vigo, proclamouse gañador do AdaByron Galicia 2026. Pola súa banda, o equipo S4nt4 C0mp4ñ4, formado polo estudantado de segundo curso Isabel Villar García, Pedro Rey Anca e Daniel Gómez Lamigueiro, foi o vencedor na sede da Universidade da Coruña.
Así mesmo, o equipo B300, tamén da UDC, obtivo o primeiro posto na Categoría A —dirixida a equipos cuxos integrantes cursan primeiro ano—. Este equipo está composto por Hugo Domínguez Conde, Pablo Barreiro Cores e Adrián Fandiño Suárez.
Os mellores equipos clasificados nesta fase autonómica terán a oportunidade de participar na final nacional de AdaByron, que se celebrará en xullo de 2026.
O certame reafirma así o seu compromiso coa promoción do talento emerxente no ámbito da programación e da enxeñaría informática, fomentando o desenvolvemento de competencias clave nun contorno competitivo, inclusivo e colaborativo.