Os formatos publicitarios na web mantivéronse relativamente estables durante bastantes anos, unha serie de estándares establecidos que a emerxencia dos dispositivos móbiles levou a mudar, e así temos que a principal plataforma de distribución publicitaria do mundo, a de Google (que absorbeu DoubleClick en 2008), vén de dar un paso decisivo ao pór data de caducidade á tecnoloxía Flash como soporte publicitario, de xeito que a partires do 30 de xuño deixarán de aceptar publicidade en Flash en AdWord e DoubleClick e os anuncios cargados previamente deixarán de funcionar a partires do 2 de xaneiro de 2017, o que sería o derradeiro cravo para o féretro de Flash.
De feito, a propia Adobe xa abandonou Flash, e vén de estrear Adobe Animate CC, unha ferramenta que facilita a creación de animacións que poidan exportarse como HTML5, de xeito que poderían correr tanto en ordenadores como en smartphones, conseguindo así superar as barreiras que tiña marcado Flash.
Pola súa banda, Google tamén ten o seu Web Designer, ferramenta de balde para crear deseños interactivos baseados en HTML5, buscando así atender a demanda dos creadores de páxinas web e elementos publicitarios para crear contidos compatibles co novo escenario web.
A publicidade en Flash xa ten data de caducidade
Compartir Este Artigo
