A realidade aumentada para a promoción cultural estará presente no Culturgal a través de Orama

mércores, 28 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A vindeira fin de semana no marco do Culturgal a empresa Contact Comunicación vai achegar ao Pazo da Cultural de Pontevedra a súa plataforma de promoción de balde de actividades de lecer socio culturais a través do móbil, Orama, da que xa falamos con anterioridade, e que facilita a consulta de información sobre eventos e actos culturais que teñan lugar no noso contorno máis próximo coa vantaxe de poder facer tal practicamente en calquera momento e lugar por estar baseado nunha aplicación móbil dispoñible tanto para iPhone como para dispositivos con Android (solución que aproveita a xeolocalización e a realidade aumentada para acadar os seus obxectivos dun xeito sinxelo e atractivo).
Entre as cousas que pretende esta ferramenta está a eliminación de carteis e folletos en papel para dar a coñecer eventos culturais, e precisamente por iso achéganse ao Culturgal para dar a coñecer a súa proposta a entidades que queiran tirar proveito deste sistema para achegarse ao seu público potencial.
Orama xa colleitou recoñecementos nos últimos anos, sendo finalista na edición de 2011 dos Premio INNOVA-G e recibindo o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC 2011 e o Premio Actualidad Económica ás 100 Mellores Ideas.

PUBLICIDADE