A revista Playboy dixitalizará os seus contidos en DVD

martes, 13 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Na procura de redondear os seus ingresos e seguir tendo un posto de privilexio na maquinaria mundial de fantasías lúbricas da poboación masculina, a revista Playboy, esa mestura en papel impreso de autores famosos, estrelas de cine, peixes gordos dos negocios e mulleres espidas (sobre todo isto último) e que ó longo de 50 anos foi vista (que non lida) por milleiros de homes na máis absoluta intimidade, e agochada no esquezo lonxe de nais, mozas, sogras e cativos, vén de envorcar as súas esperanzas no mercado dos DVDs. Mediante un acordo pechado coa compañía editora privada, Bondi Digital Publishing, Playboy Enterprises desenvolverá unha serie de seis caixas de DVDs que inclúen o contido dixitalizado de 636 números da revista.
Estas copias dixitais permiten unha busca máis sinxela de fotos e historias publicadas no pasado e permiten que os coleccionistas (se os hai) non arrisquen as súas edicións antigas, probablemente xa deterioradas de tanto uso. Logo de que as ventas da coñecida revista do “coelliño” descenderan a só tres millóns de exemplares (dende os sete millóns nos anos 70), os fundadores buscan beneficiarse das novas tecnoloxías e incrementar de novo as súas contas correntes. Iso si, sempre e cando os seguidores da publicación estean dispostos a desembolsar 100 dólares polo DVD, que saíra a venda en outubro deste ano.