A revista Wired patrocina un torneo para atopar o mellor gadget da historia

luns, 30 de xullo do 2007 Matías Olazabal

De xeito conxunto coa coñecida revista Wired, o sitio www.voxpop.tv promove un concurso encamiñado a atopar (se é posible) o mellor gadget de tódolos tempos, certame que finalizará o próximo día 8 de agosto ofrecendo un iPhone como agasallo como premio para aqueles que máis se acheguen co seu voto ao resultado final.
O sistema do torneo consiste nunha serie de eliminatorias entre diferentes gadgets de todo tipo, dende cámaras até o xa coñecido bolígrafo transparente da marca Bic. Todos os produtos en cuestión aparecen divididos en categorías e divisións, e por tanto a medida que imos avanzando as contendas vanse facendo máis complexas. Por exemplo, nunha eliminatoria da segunda división temos que escoller entre a navalla suíza Vitorinox e un ordenador Apple, produtos que por ser de usos tan dispares non achegan unha elección doada.
Esta operación de eliminatorias vaise repetir até que os enfrontamentos entre os 64 gadgets preescollidos fiquen reducidos a catro finalistas, un por cada división. Entre os xoguetes electrónicos en cuestión, atopamos consolas de xogos como a Nintendo NES, ou a Atari 2600, artigos para o fogar coma a aspiradora de man Black & Decker ou a máquina de café Mr. Coffee, a cámara Polaroid SX-70, diferentes ordenadores que crearon escola como o IBM PC 5150, o Commodore 64, o Walkman de Sony, e os máis actuais coma o iPhone, o a Nintendo Wii.
Para participar na contenda só hai que rexistrarse coma usuario de voxpop.tv e ir votando entre as diferentes eliminatorias das devanditas categorías. En caso de que as nosas respostas coincidan co voto popular poderémonos levar un iPhone de agasallo.

PUBLICIDADE