A sección oficial do 9º Carballo Interplay contará con 16 webseries en competición

martes, 22 de marzo do 2022 S. P.

Até 16 webseries de todo o mundo competirán dentro duns días na sección oficial da novena edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará en abril, nas xornadas do 6, o 7, o 8 e do 9 de abril. A organización del festival, que repartirá 5.800 euros en premios (incluídos os do proxecto de serie, que son 3.000 euros), elixiu entre as propostas chegadas de todo o mundo un total de 4 series galegas e en galego, 4 do resto do ámbito estatal e 8 do resto do mundo.
Nesta edición as webseries finalistas divídense en tres bloques distintos segundo á súa temática. O primeiro deles é Vaia historia! e nel atópanse tres series cuxa trama fala da Historia, xa sexan relatos sobre a II Guerra Mundial ou unha nova biografía de Elisa e Marcela.
O segundo bloque leva como título Humanos en crise e fálanos de distopías, thrillers climáticos e outras dificultades ás que se ten que enfrontar o ser humano na actualidade.
Por último, o bloque máis diverso é Mix de trasnadas. Nel colle un pouco de todo: dende a animación máis caótica e psicodélica sobre magos e monstros, ata as aventuras dun misto en stop motion, pasando pola curiosa historia dunha familia canadense comunista na década de 1980 que loita contra o liberalismo imperialista estadounidense.
En total daranse 2.800 euros en premios, entre os cales están o premio a Mellor serie, de 800 euros, Mellor serie versión orixinal en gallego, tamén de 800 euros, e Mellor guión e Mellor dirección, ambos de 200 euros. Estes galardóns serán dirimidos por un xurado composto por Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound e xornalista con máis de quince anos de experiencia, Betu Martínez e Víctor Sala, co-fundadores da revista en liña sobre series Serielizados e dende 2014 co-directores do Festival Internacional de Series de Barcelona e Madrid, Serielizados Fest, Ángela Andrada -en representación da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG)- e Lucía Estévez, en nome da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA).
Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Malva, entusiasta da cultura pop, os misterios sen resolver e Taylor Swift, dos que fala nas súas redes sociais e na revista Luzes, Berto Mira, músico pontevedrés coñecido por formar parte do conxunto Verto e polo seu recente traballo en solitario, e Nee Barros, youtubeire, escritore e músique que tamén forma parte do podcast Conversas Perversas,entregará outro premio de 400 euros.
Entre as webseries internacionais que se poderán ver no 9º Carballo Interplay hai propostas de Irlanda, Francia, Hungría, Canadá, Brasil, e Países Baixos. A maioría das series son en español (5), galego (5) e inglés (1), pero tamén se escoitarán historias en neerlandés, portugués ou francés.
Os nomes das webseries gañadoras coñeceranse, como cada ano, na gala de clausura do festival, que se celebrará o sábado 9 de abril en Carballo.