A segunda edición de Youtubeir@s entregou os seus galardóns na Coruña

venres, 20 de abril do 2018 Redacción

Finalmente entregáronse este 20 de abril os galardóns da segunda edición do certame Youtubeir@s, dirixida novamente a encher a rede social YouTube de vídeos referenciais en galego feitos sobre as máis variadas temáticas, pero co nexo común da creatividade e a utilidade. A cita foi no Teatro Colón e foi conducida por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, todas elas integrantes da compañía de teatro A Panadaría. Participaron na gala dúas ducias finalistas escollidas polo xurado (formado por Laura Cruxeiras, Iván Capón, Estela Romasanta, Adrián Dios e Anxos Sobriño) entre as/os 230 participantes que concorreron nesta segunda edición. Na categoría de vídeo-facermos, o gañador foi o vídeo Como escaquearse dunha comida familiar, de As cousas do Choio. No apartado de vídeo-opinarmos, o premiado resultou o vídeo A expedición Balmís e a vitoria da vacinación, de Xacobe de Toro Cacharrón. E o premio á mellor canle acadouno Nubes Baixo ti. As tres categorías contan cun premio de 1000 euros.
Por outra banda, o apartado de creatividade gañouno Os cazapantasmas vídeo-facermos, de Moustache Media Producciones, mentres que eficiencia comunicativa foi para O galego Fermoso (e o que non o é tanto) de Aquel-e, a categoría da calidade técnica conquistouna Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras, e a categoría de calidade lingüística foi para Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias. Finalmente, o premio a proposta youtubeira, entregado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recoñeceu o vídeo Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio. Estes catro galardóns conta cunha dotación económica de 500 euros.

Moitos dos asistentes á gala lucían uns lentes vermellos coa marca Youtubeir@s

O acto contou coa asistencia e participación de representantes da practica totalidade das institucións organizadoras. Deste xeito, os alcaldes da Baña, José Andrés García Cardeso; de Carballo, Evencio Ferreiro; de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e do Grove, José Antonio Cacabelos Rico, convertéronse en entregadores/as, ao igual que a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias; a concelleira de Ames, Isabel Vaquero, e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña Piai. Os representantes das universidades Carlos Aymerich (Universidade da Coruña), Manuel Núñez Singala (Universidade de Santiago) e Paulo Cabral Pedreira e Cristina Rodríguez Ricard (Universidade de Vigo) completaron o cadro de entregadores/as.

Os asistentes á gala puideron posar nun photocall antes da entrega de premios

Pola súa banda, as actrices Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, ofreceron unha retranqueira gala que xirou arredor da xeración millennial e os contidos que se crean en Internet.. A idea básica foi celebrar os contidos en galego que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s. Pola súa banda, Mónica Fernández, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, salientou na súa intervención en nome da organización “a alta participación” e a “gran calidade” dos vídeos participantes nesta segunda edición. Fernández, ademais, definiu Youtubeir@s como “un proxecto colaborativo, rico en todos os aspectos, nas ideas” que permite que “as administracións, grandes e pequenas, da costa e do interior, de todas as provincias poidan xuntarse e sumar esforzos”.

230 vídeos

Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle. Segundo informaron as organizadoras do certame, nesta edición a categoría que maior interese concentrou entre os concorrentes foi a de vídeo-facermos, na que competiror un total de 116 propostas, o cal representa o 50% dos vídeos a concurso. Mentres, a categoría de vídeo-opinarmos abrangue o 38%, ao constar con 88 participantes.

Os gañadores da segunda edición de Youtubeir@s
Os vídeos de Juan O Choio trunfaron nos premios ao facerse con 2 galardóns
Fotografía de familia na que figuran os distintos finalistas dos Premios Youtubeir@s

Vídeo coa retransmisión do evento a través de YouTube

PUBLICIDADE