A segunda xornada de Urban Solutions puxo o foco na sustentabilidade e nas posibilidades do ámbito dron

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

Chegou a segunda xornada do Simposium Urban Solutions que se está a celebrar en Santiago da man da agrupación galega CLUERGAL co obxectivo de albiscar as cidades do futuro, sendo os eixes temáticos deste xoves 6 de outubro os parques urbanos, as infraestruturas e a sustentabilidade. Este último punto foi o gran protagonista cunha vista dos participantes no simposio ás instalacións técnicas do Edificio CINC da Cidade da Cultura, sede da axencia autonómica AMTEGA, guiados por expertos técnicos de Ingesan OHLA, empresa responsábel do mantemento, monitoraxe, supervisión e asistencia no complexo do Gaías.
“Na visita na que descubrimos os complexos sistemas que fan posíbel o funcionamento deste impresionante edificio e como a enxeñería desempeña un papel fundamental na creación dunha contorna cultural de vangarda”, sinalou o xerente de CLUERGAL, Oriol Sarmiento.
Premios
Ao finalizar os relatorios da mañá, Roberto Carlos González, director do Simposium Urban Solutions, presidiu o acto de entrega dos II Premios Parques Urbanos, uns galardóns para recoñecer o concepto, deseño, construción, verificación, uso e mantemento dos parques urbanos realizados polos profesionais do sector. Roberto Carlos González destacou a “gran diversidade e calidade dos proxectos presentados”. Os II Premios Parques Urbanos 2023 recaeron nos seguintes proxectos:
- Premio ao mellor Parque Urbano con carácter inclusivo. Renaturalización pedagóxica e inclusiva do patio da escola pública Aita Mari de Zumaia na localidade de Zumaia (Guipúscoa).
-Premio ao mellor Parque Urbano con carácter de parque infantil. Parque da Osa Menor na cidade de Leganés (Madrid).
-Premio ao mellor Parque Urbano con carácter deportivo. Área Interdisciplinar da Pineda na cidade de Vila Seca (Tarragona).
-Premio ao mellor Parque Urbano con carácter indoor. Parque no edificio materno infantil do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón (Madrid).
Urban Air Mobility (ITG)
Entre as presentacións máis destacadas da xornada figura a do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que mostrou a súa unidade móbil para Urban Air Mobility, unha nova mobilidade baseada nun transporte intelixente con sistemas aéreos non tripulados que abre a posibilidade a novas operacións nun futuro próximo relacionadas coa vixilancia, a seguridade ou emerxencias, o transporte de órganos entre hospitais, a entrega de pequenas mercadorías ou mesmo o transporte de persoas con aerotaxis non tripulados.
Segundo mostrou o ITG, o posto de mando avanzado conta cunha dotación tecnolóxica de alto nivel que permite unha despregadura inmediata en calquera localización, adaptándose a todo tipo de contextos e escenarios. Para iso ten sistemas de comunicacións 5G, equipos de radiocomunicacións, estación de control de terra (GCS), vídeo-vixilancia, monitoraxe meteorolóxica, un posto de taller e capacidade de gravación, edición, produción, realización e emisión de vídeo en directo. Ademais, incorpora a tecnoloxía AIRUS para operacións con drons e servizos U-Space, e dispón dun sistema de enerxía autónomo que permite o uso de todos os sistemas sen necesidade de conexión á rede eléctrica en 8 horas.
Segundo Analía López Fidalgo, directora da División UAS do Instituto Tecnolóxico de Galicia, “permite dar mellor soporte tanto aos nosos clientes como ás nosas actividades de investigación e experimentación, coa despregadura de probas de campo moito máis rápidas e eficaces”.
Mañá venres 6 de outubro celebraranse as dúas últimas sesións do Simposium Urban Solutions, centradas na Iluminación, tanto desde o punto de vista da sustentabilidade como desde un punto de vista técnico. A clausura será ás 15.00 horas no edificio CINC do Gaiás coa participación da conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, quen estará acompañada por Roberto Carlos González, director do simposio; e Oriol Sarmiento, xerente de CLUERGAL.
A partir das 9.00 horas, Rocío Montañés Fernández, directora da área de Benestar Ambiental e Servizos Comunitarios do Concello de Santiago, encargarase de moderar a sesión Iluminación: sustentabilidade e eficiencia. Nela trataranse cuestións como o impacto da tecnoloxía na iluminación pública e a importancia de elixir a luminaria apropiada para cada proxecto, así como as aplicacións potenciais e as limitacións tecnolóxicas que aínda ten a iluminación solar e como ofrecer o mellor servizo enerxético a núcleos de poboación dispersos.
Finalmente, a partir das 12.00 horas, Andrea Padré, xestor da Agrupación industrial de Iluminación CICAT, e Coque Alcázar, presidente da Asociación SlowLight, moderarán a última sesión: Iluminación: tecnoloxía e control. Nelas debaterase sobre a iluminación e as comunicacións sen fíos nas Cidades Intelixentes, sobre as tecnoloxías óptimas a aplicar segundo a instalación para iluminar e sobre a importancia dun bo mantemento do proxecto.
Ás 14.30 horas entregaranse os I Premios de Iluminación, que este ano distinguiron a renovación integral da iluminación exterior de Cangas do Morrazo (Pontevedra), a renovación e mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública de Cazalla de la Sierra (Sevilla), a iluminación ornamental do museo de escultura ao aire libre da Castellana (Madrid), a renovación da iluminación pública, decorativo e deportivo de Mortil (Selecta) e a iluminación da Casa da Cultura de Lloret do Mar (Girona).

PUBLICIDADE