A semana que vén EE estreará a súa rede 5G en Reino Unido

mércores, 22 de maio do 2019 Marcus Fernández

A semana pasada Vodafone anunciou que o 3 de xullo inauguraría a súa rede 5G en Reino Unido, confirmando que no verán tamén teríamos 5G en España, pero no territorio británico outra operadora quere estragarlle a festa, e EE anunciou que estreará o seu 5G en Londres, Birmingham, Cardiff, Manchester, Edinburgh e Belfast o vindeiro día 30, converténdose en pioneira no 5G en fase comercial en Reino Unido.
EE tamén asegura que procurará levar o 5G rapidamente a Bristol, Coventry, Leicester, Nottingham, Sheffield, Liverpool, Hull, Leeds, Newcastle e Glasgow, para pasar logo a outras 10 poboacións (Aberdeen, Cambridge, Derby, Gloucester, Peterborough, Plymouth, Portsmouth, Southampton, Worcester e Wolverhampton).
Para prepararse para este inminente lanzamento, EE xa ten na súa páxina web unha tenda na que poder reservar dispositivos 5G como os smartphones OnePlus 7 Pro 5G, o Samsung Galaxy S10 5G, o Oppo Reno 5G e o LG V50 ThinQ (o Huawei Mate 20 X 5G desapareceu tanto do catálogo de EE como do de Vodafone), aos que habería que sumar os routers 5GEE Home Router e 5GEE WiFi, que permite compartir por Wi-Fi conexións de banda larga móbil como unha grande alternativa á banda larga fixa.
En calquera caso cómpre advertir de que esta carreira polo 5G é principalmente unha estratexia de imaxe dos operadores de telecomunicacións, xa que a primeira fase deste espallamento é principalmente unha evolución do 4G que simplemente mellora en velocidades de conexión. EE recoñece que a segunda fase do 5G non botará a andar até 2022, que será cando se tire proveito das posibilidades reais do 5G grazas, en boa medida, á liberación do espectro necesarios; e tamén fixan en 2023 unha terceira fase na que introducirán tecnoloxía de moi baixa latencia que será a que posibilite aplicacións críticas.
Podemos entender que o consumidor final non ten motivos para lanzarse a estas redes 5G iniciais, e temos que ver estes espallamentos como a evolución natural da tecnoloxía actual e os alicerces dun futuro que aínda tardará varios anos en chegar.

PUBLICIDADE