A serie Vidago Palace estréase en HBO Portugal

venres, 29 de maio do 2020 Sonia Pena

Este domingo 31 de maio estrearase en HBO Portugal a serie galego-portuguesa Vidago Palace, un drama romántico de seis capítulos producido pola galega Portocabo e a lusa Hop Filmes. A serie, protagonizada por Micaela Lupu, Pedro Barroso e David Seijo, foi a primeira coprodución dos dous países irmáns feita para a Televisión de Galicia e a RTP.
A trama de Vidago Palace transcorre no luxoso hotel do mesmo nome, no século XX, onde ten lugar a historia de amor de Carlota e Pedro, a filla dos condes de Vimieiro e o fillo dun empregado do hotel. Vidago Palace, informa a produtora galega, é “a historia dunha muller e un home dispostos a enfrontarse a todo tipo de obstáculos para poder vivir o seu romance”.
A serie Vidago Palace incorpórase á plataforma en streaming multinacional logo de facelo Auga seca, o pasado mes de abril, que engadiu á grella de HBO a súa media ducia de capítulos, tamén producidos por Portocabo, converténdose na primeira serie que pode verse en galego na HBO.

PUBLICIDADE