A serie galega Tutu poderá verse en Clan
martes, 17 de novembro do 2015
En breve as nenas e nenos
de todo o ámbito estatal poderán ter acceso directo nos seus
televisores á serie de animación galega Tutu,
impulsada e creada pola produtora TIC Ficción
Producciones, firma adicada á produción audiovisual innovadora
e aos contidos ligados ás novas tecnoloxías. Segundo nos conta o
Clúster
do Audiovisual, Tutu foi un dos catro proxectos de animación
seriada seleccionados por RTVE na convocatoria de 2015. En
virtude disto, a serie galega poderá verse dentro duns meses a
través ca canle pública Clan, especializada en achegar debuxos
animados e series infantís a través da grella de TV e, tamén, a
través da web de seu (con contidos de balde).
Tutu, como
lembraremos, é un produto transmedia que conta as aventuras
dun pequeno canguro motorizado, “optimista e positivo”.
Artéllase,
a nivel de formatos, nunha serie de TV e máis nun videoxogo
educativo do mesmo nome, para móbiles e tabletas, operable para as
tres grandes plataformas, iOS, Android e Windows.
Neste proxecto, RTVE
valorou a evolución do proxecto nos últimos anos, a súa calidade
formal e a súa visión integradora, positiva e natural, segundo
indican nunha nota de prensa e reflicte o Clúster. Tamén salienta
“o coidado na creación da música baixo o método pedagóxico ORFF
e conta cun conxunto de aplicacións e xogos”.
