Ficción Producións presenta en Santiago o videoxogo Tutu para móbiles e tablets

xoves, 22 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Ficción Producións, o selo audiovisual do Milladoiro, presentou este xoves 22 en Santiago algo novo e de maneira totalmente nova. Falamos do videoxogo educativo Tutu, para móbiles e tablets, e da serie de televisión do mesmo nome. A cita foi no auditorio da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, cuxas bancadas foron ocupadas, case na súa totalidade (agás pequenos redutos), por unha chea de cativas/os de primaria e as súas mestras e coidadoras. Resultou pois unha presentación concorrida coma poucas, cunha área de prensa gustosamente cedida para a rapazada (moita) que, logo do balbordo inicial, cousa lóxica, atenderon formalmente ás explicacións sobre o videoxogo. No acto participaron diversos integrantes de Ficción, incluído Julio Casal, director do proxecto Tutu e máximo responsábel da firma, e Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta. Houbo presentación interactiva e máis escenificación teatral con algúns dos personaxes da serie-videoxogo.
Como nexo común, fíxose fincapé no carácter transmedia do proxecto, en palabras de Ficción o primeiro destas características que se pon ao servizo da nenez. Este carácter venlle dado por unha das grandes características de Tutu: a súa capacidade para choutar do móbil ao computador, á TV ou aos libros.
Chimpo aos trebellos móbiles
A entrada de Tutu no eido dos videoxogos e os dispositivos móbiles faise cubrindo tres grandes plataformas, iOS, Android e Windows, e da man dunha aplicación interactiva de seu que permite gozar de catro xogos con tres niveis de dificultade cada un, desenvolvéndose en diferentes escenarios e cos personaxes principais da serie. Esta app áchase dispoñíbel dende o pasado día 19, con formato de demostración de balde, na páxina web do proxecto, tutulaserie.com. Polo que atinxe á versión para iPad e para iPhone, está xa ao alcance da man na Apple Store, e a partir do vindeiro 17 de decembro farao a achega para Android en Google Play. En xaneiro chegará a de Windows.
Detalles sobre a serie
A aplicación e o videoxogo resultante terá repercusión futura e ramificacións. De feito, sinalouse durante a presentación en Santiago, derivará na produción dunha serie de animación por ordenador (Tutu a serie), outra de monicreques con fondos virtuais (Tutu puppets) e tamén nunha innovadora colección de libros. Arestora, ámbalas series atópanse en fase de produción, sendo a idea comezar a distribuílas a comezos do ano vindeiro.

Julio Casal, director do proxecto Tutu e responsábel de Ficción Producións

Todas estas diferentes achegas teñen un xermolo común, orixe compartida: o personaxe Tutu, canguro motorizado amante de calquera tipo de reto, e a obra de monicreques Rosalía, a pulga que escribía. Segundo se fixo saber, a serie Tutu constará nun comezo de 52 episodios de 7 minutos cada un. “De capítulos autoconclusivos, proporán un problema ou tarefa a resolver polos personaxes e achegarán, xunto coas súas versións de lecer dixital, valores positivos para os nenas de nenos, de tolerancia, de respecto e superación persoal”, informaron os responsábeis de Ficción.
Na presentación tamén se fixo fincapé no importante labor despregado nas achegas audiovisuais e nos xogos polo equipo multidisciplinar sobre o que recaeu o seu desenvolvemento, deseñadores en 3D e creadores de espazos virtuais pero tamén educadores e pedagogos, participando arreo na concepción e na realización dos contidos. “Os xogos”, informaron, “fornecerán de diversión e lecer ás nenas e nenos, pero tamén se dirixen a introducilas/os en cuestións como a lóxica matemática ou o desenvolvemento da súa capacidade de atención e da súa motricidade; en definitiva Tutu é un exemplo de produto á altura do maxín e das grandes potencialidades das cativas e dos cativos de preescolar”.

Páxina web da iniciativa

Para rematar, na presentación salientouse a posta en marcha dunha páxina web propia que integra e centraliza o proxecto por enteiro, tutulaserie.com (espazo en liña en tres idiomas, español, galego e inglés, no que podemos atopar unha presentación do proxecto e dos diferentes personaxes, amais de novidades e descargas) e na vindeira posta en marcha dunha nova liña de actividade: o lanzamento de xoguetes de Tutu e outros produtos relacionados cos audiovisuais e o videoxogo. Este último proxecto, de alcance internacional, rematará co achegamento das devanditas series á televisión e coa súa integración nas fichas educativas preescolares convencionais.
A anécdota da presentación
Por certo que o acto de presentación organizado por Ficción tamén deu acubillo, fóra de programa, a unha anécdota protagonizada por unha das coidadoras que estaban presentes no auditorio, que interrompeu a liña de actividades para achegar unha opinión crítica, dende a palestra, sobre o acto en si mesmo, ao que cualificou de manipulación para ofrecer, perante a rapazada, unha imaxe máis positiva da Cidade da Cultura. Dende Ficción explicóuselle que o acto non tiña nada que ver coa Xunta, e que só se trataba da presentación dun produto feito por profesionais galegos que están a despregar importantes esforzos por achegar lecer de calidade, en lingua galega, á nosa cativada. En opinión deste redactor, malia que a Cidade da Cultura acubilla moitas cousas criticábeis, non era a ocasión para amosalas. A fin de contas, era un acto de Ficción Producións, e as críticas sobre o Gaiás cumpriría dirixirllas aos responsábeis do complexo arquitectónico.

PUBLICIDADE