A sétima edición das JAI quere bater récords de empresas participantes e asistentes

venres, 24 de novembro do 2017 Redacción

Hoxe a Universidade de Vigo achegou unha manchea de detalles sobre as Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, coñecidas por xornadas JAI polas súas siglas en castelán, cuxa nova edición celebrase en marzo (entre os días 12 e 16) na Escola de Enxeñaría Industrial, coa previsión (e coa firme vontade por parte dos organizadores) de acoller máis empresas (un total de 20) e máis propostas innovadoras e intelixentes ca nunca. As xornadas, impulsadas novamente polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto, será nas súas palabras “un espazo de demostración de robótica colaborativa, impresión 3D e realidade virtual na que centros tecnolóxicos galegos exporán os seus deseños”.
Segundo engade, a nova edición do evento é un contexto excepcional para entender, realmente, todo o que rodea aos conceptos de Industria 4.0, tecnoloxías smart e a robótica colaborativa, entre outras cousas porque algunhas das firmas participantes lideran e impulsan proxectos punteiros nestes eidos.
As 20 empresas confirmadas proceden de Europa, América e Asia e abranguen, practicamente, “todos os ámbitos tecnolóxicos”. Segundo explica Armesto, as expectativas de asistencia da organización “son moi elevadas”, principalmente pola inclusión no programa do showroom de industria 4.0 e polo crecente interese que existe por coñecer as tecnoloxías de automatización e robótica. Así, agárdase que se superen os 1.000 asistentes da anterior edición. Novamente, un dos obxectivos é marcar diferenzas con respecto a outros eventos tecnolóxicos, apostando de cheo por achegar ás empresas á mocidade, “facilitando ao máximo que os e as estudantes teñan ocasión de coñecer tanto aos propios fabricantes dos produtos como ás empresas que son os seus clientes locais, os que nun futuro próximo lles ofrecerán un posto de traballo”. O obxectivo, polo tanto, é que “estudantes, fabricantes e usuarios profesionais poidan interactuar nun contexto tecnolóxico e universitario”.
O programa, que abrangue máis de 35 horas de presentacións técnicas e relatorios, abordará temas como robótica colaborativa e sensitiva, robótica móbil, seguridade industrial, análise de datos, ciberseguridade, IoT (Internet das Cousas), xemelgo dixital, mecatrónica, información a gran escala (Big Data), intelixencia artificial, comunicacións sen fíos ou eficiencia enerxética. Para isto, contarase con preto de 50 relatores procedentes de diferentes cidades e países, que presentarán as principais novidades e tendencias do sector.
Participarán vellas coñecidas das JAI como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR.

PUBLICIDADE