A taxa de familias galegas conectadas supera a media estatal por vez primeira

martes, 24 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Segundo o máis recente estudo do observatorio autonómico OSIMGA, as galegas e os galegos vimos de superar por vez primeira a media estatal en porcentaxe de fogares con Internet, sendo a taxa relativa a este dato de 84,1%, 5,4 puntos porcentuais máis có ano anterior. En termo europeos, estariamos a menos dun punto de diferenza. Estas e outras informacións figuran en Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
O informe guinda en xeral un panorama positivo. Este cariz esténdese ao nivel de uso que lle damos a Internet. Segundo o estudo, a taxa de usuarios galegos de Internet nos últimos tres meses incrementouse en Galicia 4,4 puntos nun ano e sitúase no 78,4%. Entre os que empregaron a Rede nos últimos tres meses, un 83% fano a diario e un 14,1% todas as semanas.
Polo que atinxe a tipo de hábitat, o hábito de estar na Rede está especialmente presente nos concellos de máis de 50.000 habitantes, onde “supera amplamente a media galega” e acada unha porcentaxe do 85,5%, por riba da media estatal e europea, sinálase na investigación, que tamén salienta (no relativo aos municipios de menor poboación) a suba de 11,9 puntos porcentuais no uso de Internet nos concellos galegos de menos de 5.000 entre 2015 e 2017.
A investigación indica que as compras a través da Rede “continúan en ascenso”, acadando ao 31,8% da poboación galega que adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos tres últimos meses e aumentando 3 puntos porcentuais no último ano. O informe tamén salienta o papel das galegas e os galegos en eAdministración: o 67,4% das persoas da nosa terra que utilizaron Internet no último ano buscaron información de trámites administrativos a través de Internet, e o 66,1% ten utilizado as posibilidades da Administración Electrónica para enviar formularios cubertos.
Por idades, moi preto da totalidade de mozos galegos menores de 35 anos conectáronse a Internet nos últimos tres meses, dato que incluso supera a porcentaxe estatal. Asemade, rexístranse cifras salientábeis entre as persoas de idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos. Neste treito rexistrouse un aumento no uso da Rede do 15% respecto ao último ano. Asemade, o 63,7% dos galegos deste tramo de idade empregan Internet.
Polo que respecta á contratación de Internet, esta é superior nos fogares que contan con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 97,5% superando á media autonómica en 13,4 puntos porcentuais.

PUBLICIDADE