A tecnolóxica Tecalis dispara o seu beneficio un 282%

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

Os socios fundadores da firma galega, Isidoro Martínez, director executivo (CEO) de Tecalis, e Alberto Campos co-fundador e COO da compañía

A empresa tecnolóxica galega Tecalis vén de facer balance dos seus logros recentes, poñendo o foco tamén nos seus seguintes movementos estratéxicos. No reconto inclúese un importante fito en materia de negocio: a firma con sede no Polígono de Novo Milladoiro foi quen de disparar o seu beneficio nun 282%, acadando un EBITDA de 1.168.508 euros, así como unha rendibilidade financeira (ROE) do 48%. Xa nun plano futuro, a previsión é de superar os 7 millóns de facturación en 2021. Na folla de ruta inclúese a seguinte estratexia firme: destinar o cen por cen do beneficio ao financiamento da súa expansión.
A tecnolóxica, que impulsa procesos de crecemento e transformación dixital a clientes en máis de 20 países, mostrouse moi optimista con estes resultados, e manifesta a súa previsión dun importante incremento das vendas en 2021 “grazas á evolución global do mercado” e “á tracción que está a xerar a tecnoloxía de Tecalis no mesmo”.
Segundo fai saber a compañía no seu balance, un dos factores clave que provocaron este proceso acelerado de medre é “a rápida adopción da súa nova plataforma de identificación en liña e sinatura electrónica por parte dos mercados e usuarios”.
No informe tamén se dá conta de como nos seus 10 anos de vida, a compañía presentou 9 exercicios en positivo e os últimos 4 “cunha clara tendencia alcista”, até o punto de alcanzar un crecemento próximo ao 300% no último exercicio fiscal. Este crecemento, explica Tecalis, “reforza a consolidación do plan corporativo de expansión da nosa organización, con presenza actual a nivel internacional, seis oficinas, e clientes en máis de vinte países, fortalecendo o obxectivo de converternos nunha empresa global”.
No balance a firma galega tamén salienta o éxito obtido trala súa experiencia como expositora e patrocinadora no evento que pasar por ser o máis importante sobre fintech en Europa, Money 20/20 (Amsterdam), onde pasou a converterse nun dos principais actores da dixitalización do sector financeiro, asegurador, bancario e relacionados, grazas ás solucións adaptadas ás necesidades regulamentarias e estándares normativos, e máis a tecnoloxía da empresa que resolve os retos vinculados á produtividade, a eficacia, os custos e as novas necesidades abeiradas ao onboarding e á contratación de servizos.
En datas vindeiras, o 26 e 27 de outubro en Londres, Tecalis presentará en Total Telecom Congress 2021 “unha proposta de valor renovada para a industria das telecomunicacións”.
Amais, no evento Future Identity, previsto para a mesma cidade o 15 e 16 de novembro, a firma galega presentará as últimas iniciativas, tecnoloxías e solucións “que impulsan a identidade de confianza universal”, para “poder construír un ecosistema de identidade dixital único”, sinalan fontes de Tecalis.

PUBLICIDADE