A tecnolóxica galega Altia inaugura sede en Rotterdam

venres, 25 de outubro do 2024 S. P.

A empresa galega Altia, centrada en ofrecer servizos avanzados de consultoría e desenvolvemento tecnolóxico, anunciou este mes de outubro a apertura dunha nova oficina en Rotterdam (Países Baixos), convertendo esta cidade na sede de Altia European Services, a unidade de negocio da firma coruñesa centrada en organizacións públicas europeas.
“Esta decisión”, informaron fontes de Altia, “forma parte da nosa estratexia de expansión internacional, que busca consolidar a nosa presenza nas institucións da Unión Europea, onde xa contamos cunha importante carteira de clientes e máis de vinte anos de experiencia”.
En termos de cifras concretas, Altia European Services nace para reforzar a un equipo especializado de máis de 400 profesionais de Altia que xa proporcionan servizos avanzados a máis de 30 institucións europeas, nunha “nova localización estratéxica”, explican dende a empresa galega, engadindo que “a elección de Rotterdam como sede principal desta unidade responde a varios factores clave, sendo a súa proximidade a Bruxelas e a súa posición estratéxica a nivel da UE un dos máis importantes: esta nova oficina permitiranos seguir mellorando os nosos servizos e seguir crecendo neste mercado”.
Óscar Fernández, director de Altia European Services, explica tamén que “outra das razóns que nos levou a establecer esta nova localización foi a sólida relación que mantemos con distintos organismos europeos con sede en Países Baixos; entre eles destacan contratos moi relevantes como son o da Axencia Europea para a Cooperación Xudicial Penal (Eurojust) ou o da Axencia Europea do Medicamento (EMA)”.