A unidade de ciberseguridade de Telefónica lanza un detector de ameazas que garante a privacidade dos usuarios
martes, 18 de agosto do 2020
ElevenPaths,
a compañía de ciberseguridade parte de Telefónica Tech e
vencellada tamén a unha estreita colaboración co centro galego
Gradiant, vén de dar forma a un innovador detector de malware
que respecta e garante a privacidade dos usuarios. Trátase de
DIARIO, un novo
concepto de loita contra a cibercriminalidade con capacidade para
escanear e avaliar documentos de Office 365 e PDF sen necesidade de
que o motor de análise acceda ou procese o contido. A ferramenta,
desenvolvida polo equipo de Innovación e Laboratorio de ElevenPaths,
extrae certas funcionalidades dos ficheiros (nunca o contido) e
envíaas ao servidor. Este é quen de detectar decontado se o
documento ten algún tipo de malware ou non.
DIARIO,
segundo explica Telefónica, incorpora unha Intelixencia Artificial
que foi adestrada ex profeso para detectar as ameazas que xeralmente
escapan ás solucións tradicionais de antivirus. Por este motivo,
analiza os documentos sen necesidade de acceder ao seu contido, “algo
fundamental no caso de tratarse de arquivos de índole privada ou
sensible”, explica a operadora, engadindo que un dos puntos que
diferencia esta tecnoloxía doutras semellantes, baseadas tamén en
aprendizaxe-máquina (Machine Learning), DIARIO caracterízase
por respectar a privacidade (foi concibido cunha clara
especialización en documentos nos que é necesario garantir a
protección de datos de tipo persoal: PDF e Office 365), por ser
intelixente (adestrouse o seu modelo de aprendizaxe cos indicios
maliciosos menos recoñecibles polos antivirus tradicionais, para
poder cubrir unha fenda que estas solucións non son capaces de
ocupar) e por introducir un panel para analistas (co que os
profesionais validarán e fortalecerán os seus protocolos de análise
e estudo de forma cómoda e asistida).
DIARIO,
que actualmente se utiliza internamente en Telefónica, é gratuíta
e pódese empregar de xeito directo na súa páxina web oficial ou
descargarse e instalarse no computador. “Ao ser unha ferramenta
colaborativa, cuantos máis usuarios boten man dela mellor, xa que se
comparte coñecemento de todos eles para que siga mellorando e poder
ampliar a fórmula a outro tipo de ficheiros”, explica a operadora.
