A versión móbil de Firefox mellora en rendemento ao navegador integrado no Nokia N810

xoves, 10 de abril do 2008 Marcus Fernández

O Firefox está a adaptarse a dispositivos móbiles, e os MID de Nokia son uns dos trebellos nos que esta conversión está máis madura, sorprendendo unha análise do Mobile Firefox para o Nokia N810, que non só está a funcionar dun xeito bastante satisfactorio, senón que presenta un rendemento moi superior ao do navegador incluído de serie no dispositivo, chegando a funcionar ata 6 veces máis rápido.
A versión móbil de Firefox aínda é unha alfa coñecida polo nome chave Fennec, e está a demostrar ter un rendemento e un consumo de memoria comparable a outros navegadores coma Safari ou Opera, o que lle permitiría finalmente converterse nunha opción viable en dispositivos móbiles.
MicroB, o navegador integrado no Nokia N810, veuse superado polo navegador Fennec na execución de código JavasScript, que é 5,9 veces máis rápida no navegador de Mozilla, o que é só unha das vantaxes deste sistema, pois as páxinas web tamén responden bastante mellor á versión móbil de Firefox que a MicroB (especialmente as correspondentes á chamada Web 2.0).
Fennec aínda tardará en converterse nun navegador final, pois ten a vista fixada no Firefox 3, incorporando moitas das súas innovacións, polo que haberá que agardar a que o Firefox 3 chegue a unha versión final para ver cómo o Firefox Mobile se fai realidade, non só para os Nokia Internet Tablet, senón tamén para distintas plataformas móbiles entre as que tamén estarán os dispositivos con Windows Mobile.

PUBLICIDADE