A viguesa Fobos Solutions leva os seus drons ata Iberoamérica

martes, 31 de xaneiro do 2017 Redacción

O dron de Fobos Solutions empregado para as pragas aviares

En 2014 abría as súas portas a empresa viguesa Fobos Solutions, integrada dentro da división industrial de Meifus Group e centrada no desenvolvemento de drons (ou vehículos aéreos non tripulados). Cómpre salientar que a día de hoxe a compañía está a exportar os seus produtos a clientes iberoamericanos dos sectores agrícola e acuícola e anunciaba a pasada semana que vén de recibir os seus primeiros pedidos de Chile, estando previstos novos acordos con outros países da contorna. En canto aos seus drons e á actividade actual ligada a eles, dicir que ten no mercado ao dron biomimético Gavizor, empregado para escorrentar pragas de aves en cultivos agrícolas, piscifactorías, etc.
Tamén ten o UVS Acuadrón 900, un barco non tripulado multipropósito concibido como apoio ao control de pragas aviares ou para realizar labores de vixilancia. O Cualidrón é outro sistema que realiza o control de parámetros físico-químicos para a análise da calidade das augas en instalacións acuícolas.
Outro dos seus produtos é o Fobos One, encamiñado a labores de vixilancia perimetral de instalacións, detección de persoas e vehículos de xeito automático (tecnoloxía integrada grazas á colaboración do centro tecnolóxico Gradiant). O Fobos One é unha á fixa que integra dúas cámaras, unha para ver durante o día e outra nocturna infravermella. Acubilla no seu seo unha tecnoloxía que posibilita achar persoas e vehículos sen que sexa preciso un seguimento exhaustivo por parte do operador.