A visión innovadora, nexo común dos 15 proxectos que acelerará ViaGalicia quinta edición

xoves, 5 de abril do 2018 Redacción

A quinta edición da aceleradora galega de proxectos innovadores, ViaGalicia, xa ten iniciativas concretas ás que acelerar, asesorar, impulsar e formar. Trátase de 15 proxectos todos eles co nexo común da innovación e de ter, en común e por separado, unha visión renovadora do panorama produtivo e emprendedor galego. Ademais, a tecnoloxía é outro dos alicerces sobre os que se asentan. Por temáticas concretas, van dende propostas para a creación de nanosatélites ao audio profesional, dende a fabricación de táboas de surf até o desenvolvemento de dispositivos USB que son quen de evitar programas malware. A orixinalidade e o alto grao de desenvolvemento son outros dos ingredientes comúns.
A aceleración arrinca o vindeiro 1 de maio no Centro de Negocios de Porto de Molle. Recibirán 125.000 euros con feitura de préstamos participativos e subvención a fondo perdido. Segundo informa a impulsora principal de ViaGalicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo (co apoio firme da Xunta de Galicia), presentáronse á quinta edición da palestra empresarial 200 proxectos. Para elixir os finalmente “acelerábeis”, o comité valorou entre outras cousas a capacidade de retorno do investimento para potenciais investidores nos proxectos, as posibilidades de captar clientes e validar os produtos con eles durante o proceso de aceleración e a súa relevancia estratéxica no tecido empresarial galego, así como a solidez dos equipos e a súa presentación nos DemoDay que tiveron lugar os pasados 23 e 24 de marzo en Lugo e Vigo, respectivamente. Nestas xeiras de demostración, como lembraremos, participaron os proxectos que chegaron á fase de academia, seleccionados entre as máis de 200 iniciativas que se presentaron inicialmente a esta quinta edición de ViaGalicia.
Entre os 15 proxectos elixidos atópanse Alén, fabricante de satélites chave en man; AuthUSB, que deseñou unha ferramenta para a prevención de todo tipo de ataques en dispositivos USB; Direct Dump, un sistema que facilita un proceso de autocertificación forense dirixido a peritos informáticos ou forzas de seguridade; Data Monitoring, que deseña solucións IoT (Internet Of Things) de seguimento de depósitos de auga e leite e RocketForms, plataforma que xera formularios interactivos para a súa inserción en páxinas web.
Dentro da contorna dixital atópanse os proxectos Livetopic, asesor financeiro en liña; Legalmit, bufete virtual en liña para avogados; ou Tidyant, unha aplicación para a xestión do ciclo de venda e post-venda de empresas de servizos técnicos. Ademais, seleccionáronse iniciativas como Ertha Surfboards, fabricante de táboas de surf eco-friendly; Xtonebox, adicada á fabricación de equipos vintage de alta fidelidade e audio profesional; ou Colibrí, centrada na venda de scooters con deseños atractivos e a última tecnoloxía en mecánica.
A agroalimentación tamén estará presente, coa escolma de catro proxectos relacionados co sector: Galician Brew, premiada gama de cervexas con personalidade propia; Bisqato, nova marca galega de queixos e pastas brandas de calidade; Orballo, a primeira plantación de té ecolóxico certificada de Europa; e Grilier, sazonador gourmet saudábel para grellada.
Ademais, aos quince proxectos seleccionados cómpre sumar Emsamble, dirixido ao desenvolvemento dun sistema de arquitectura modular que chegou até a fase de Academia da anterior edición e que agora obtivo pase trala súa inscrición na convocatoria extraordinaria Fast Track que ViaGalicia abriu por primeira vez o pasado mes de febreiro.
Sinalar que agora, despois da valoración do comité técnico (formado por representantes do Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación, Xesgalicia e Vigo Activo), as dezaseis iniciativas comezarán a súa aceleración a partir do vindeiro 1 de maio no Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán. Durante un período de seis meses traballarán xunto a un equipo de expertos co obxectivo de mellorar o modelo de negocio xa definido previamente para consolidalo de face a futuras roldas de investimento. Neste treito do camiño, amais de recibir titorías especializada e asesoramento, contarán cun financiamento de ata 125.000 euros, en forma de préstamos participativos, máis unha subvención a fondo perdido.

PUBLICIDADE