A web 2.0 acode en axuda do galego

mércores, 28 de abril do 2010 Raquel Noya

Moitos expertos aseguran que dende que apareceu o concepto de web 2.0 por primeira vez, a Rede reinventouse a sí mesma e agora son moitas as utilidades novas que ofrece Internet e as vantaxes que nos reporta o seu uso diario. Porén, se en algo beneficiaron as aplicacións 2.0 á sociedade actual foi no ensino, posto que a posibilidade de interacción entre membros da comunidade internauta con aplicacións e administradores é infinita e os seus beneficios académicos son incontables.
Este é un dos motivos polos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco do V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, decidiu incidir nas vantaxes que ofrecen as aplicacións web 2.0 para desenvolver actividades de dinamización lingüística nos centros de ensino do noso país, empregando ferramentas como Drupal, como espazo colaborativo; de Moodle, como contorno virtual de ensino e de aprendizaxe; e de Coppermine, como galería de imaxes e de vídeos.
O obxectivo das sesións Web 2.0, que retomaron onte a súa programación na Coruña e Vigo, non é dar a coñecer con profundidade estas aplicacións, senón que, segundo informan os seus responsables, “é comprobar o seu potencial na dinamización da lingua galega nos centros educativos a través de casos concretos, co fin de sacarlles o máximo rendemento”.
Durante as sesións de onte, os relatores convidados deixaron constancia de que as aplicacións web 2.0 permiten conectar dun xeito rápido e eficaz a toda a comunidade implicada na dinamización lingüística, e puxeron como exemplo os procesos comunicativos e de colaboración tradicionais, xa que, segundo eles, “podían ocupar moito tempo e esforzo, convértense en pequenas actuacións que poden chegar a un número moito maior de membros da comunidade educativa”.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anunciou, no marco destas xornadas, que pon a disposición dos centros que o soliciten estas aplicacións a través do seu proxecto Webs Dinámicas; xa que, en primeiro lugar, apuntaron que “Coppermine ofrece múltiples posibilidades para a creación de galerías de imaxes e de vídeos”. En canto a Drupal, aseguraron que “con esta aplicación pódese crear e configurar –dun xeito moi doado– un espazo web onde os usuarios rexistrados poden realizar as súas publicacións de contidos multimedia: artigos, historias, imaxes, vídeos, son...”. E finalmente, Moodle, como aplicación educativa, está, segundo afirman, “especialmente deseñada para a interacción entre os membros da comunidade escolar”.
Este ano, o Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino (dirixido ao profesorado, en xeral, e aos membros e coordinadores dos equipos de dinamización e normalización lingüística, en particular) centra a súa temática nas vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos e desenvolverase ata o vindeiro xoves nas cidades de Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE