A web da película dos Simpsons permite crear avatares

venres, 20 de xullo do 2007 Raquel Noya

Podemos personalizar a aparencia do noso avatar

A unha semana xusta da estrea mundial de Os Simpsons a película, atopamos (fozando na súa web oficial) unha ferramenta que nos permite crear o noso propio avatar amarelo como se nos debuxase o mesmísimo Matt Groening persoalmente. Imaxinade unha figura co corpo de Homer, o pelo de Marge, o nariz de Moe, os ollos de Lisa e o tirapedras de Bart. Sería un personaxe cando menos curioso (amais de horrendo), non credes? Pois grazas á devandita ferramenta para crear avatares dos Simpsons, non fai falla imaxinalo, tan só probar e crear. Pódese cambiar a cor do pelo, a forma dos ollos, a roupa, o ton da pel (nunha escala limitada de amarelos e marróns claro), o nariz, os debuxos da camiseta, os zapatos, os pantalóns... podendo crear unha listaxe case infinita de posibles protagonistas para a segunda parte da película (en caso de que se fixera).
Pero non só esa ligazón nos chamou a atención na web da película dos Simpsons. En xeral está moi ben, moi lograda e con atraccións abondas para manternos distraídos un bo anaco (dou fe, para desgusto do xefe). Os xogos que ofrece, aínda que son moi sinxelos (como o típico de atopar a carta correcta entre tres), non están nada mal, sobre todo para manter ós máis cativos da casa entretidos uns intres.
Para os non tan cativos (pero un tanto frikis), tamén hai unha ligazón interesante que nos leva a dar unha volta por toda a cidade de Springfield, facendo paradas nos máis coñecidos lugares da popular serie: a taberna de Moe, o Kwik-e-Mart, o teatro Azteca, a casa dos Simpsons, o casino, o lago... e ofrécenos a posibilidade de ver ata 5 tráilers da película, así como penduralos no noso blog, ipod, ou sitio persoal en MySpace.
Como vedes, unha verdadeira xoia de coleccionista para os amantes desta peculiar familia e un sitio con receita médica para aqueles que non poden aturar sen comer as unllas ata a súa estrea o vindeiro venres.

PUBLICIDADE