A web galega hipoqih.com, na final do Startup 2.0

mércores, 9 de maio do 2007 Raquel Noya

O que ten boca (case sempre) se equivoca. Se aínda por enriba as palabras quedan rexistradas por escrito, non as pode levar o vento e os erros cometidos perduran poñendo de manifesto (neste caso) meu nivel de despiste (que en ocasións pode chegar a límites insospeitados). Os internautas que están ó tanto do que vai acontecendo no concurso Startup 2.0 (certame para elixir o mellor da Web 2.0 de Europa, do que onte anunciamos os finalistas) de seguido caerían na conta do que estou a falar. E é que das 15 webs escollidas polo xurado para a fase de selección de Madrid, só nomeei 14. O erro en si tampouco sería tan grave se a fin de contas a web fora inglesa ou de calquera outro sitio alén das fronteiras, pero non, o proxecto que caeu da listaxe é o dunha páxina web veciña, nin máis nin menos que da Coruña e que (todo hai que dicilo) semella verdadeiramente útil.
Trátase de Hipoqih, un sistema de avisos en base a posicións xeográficas que permite localizar a persoas e seguilas por un mapa a través de Internet, levar a nosa axenda xeolocalizada para permitir que nos sigan ou mesmo ver e gravar avisos xeorreferenciados. Para operar con el, só é preciso darse de alta na web como usuario e logo instalar o plugin nos terminais, iso si, coa vantaxe de que é totalmente de balde.
A meirande utilidade de Hipoqih obterémolo se dispoñemos dun sistema de xeolocalización (por exemplo un GPS), aínda que no futuro os seus responsables teñen previsto incluír interfaces para outros sistemas. Os internautas que non conten cun GPS tamén poden facer uso do servizo de Hipoqih, pero de xeito limitado, xa que terán que indicar eles mesmos (manualmente) as coordenadas do sitio no que están para poder recibir os avisos emitidos para a devandita localización.
Unha vez solucionado o erro, aproveito para desexar ós responsables do servizo moita sorte este 10 de maio en Madrid, onde se medirán a proxectos da talla de Panoramio ou Menéame; tan só por chegar ata aí, moitas felicidades e a seguir traballando.

PUBLICIDADE