A xira Toponimízate recala este 28 de xuño en Camariñas

luns, 24 de xuño do 2024 S. P.

Esta semana prosegue en Camariñas, o venres 28 de xuño no Centro Cultural Casa da Pedra a partir das 20.00 horas, a xira Toponimízate 2024 para reivindicar e visualizar os nomes da nosa terra, unha nova campaña organizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral de Lingua que ten o seu complemento na aplicación Galicia Nomeada, na que os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos dos que teñan constancia. A parada en Caramiñas é a terceira da xira, logo da de Cualedro e Vilar de Santos.
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra está a percorrer neste 2024 as catro provincias galegas na procura de persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que están a participar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles. Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, na que os informantes de máis idade son o elo fundamental, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.
Alén de evitar o risco de perder todos eses nomes por mor da transformación do modo de vida tradicional, nas charlas da campaña, coordinada e desenvolvida pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, fálase sobre a orixe e o significado de máis de 1.300 topónimos pertencentes aos doce concellos nos que se fará parada este ano. Entre os meses de xuño e novembro, Toponimízate visita Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra. Todas as sesións serán impartidas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, contando coa colaboración na parte etimolóxica do académico de número Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo.
Os doce municipios elixidos teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller; e contaren ata o momento con moi poucos colaboradores dados de alta na plataforma Galicia Nomeada, xestionada polo Seminario de Onomástica da RAG.
Dende a primeira edición de Toponimízate en 2017, máis de 5.000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou o filólogo da RAG encargado de impartilas.
Toponimízate estivo presente ata o momento en máis de 80 concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística. Tamén ofreceu sesións na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); a Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; o Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas; así como en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Ortigueira e Mondego en Sada), nunhas sesións estas últimas que pretenden demostrarlles ás persoas de máis idade a importancia do seu papel, como transmisores, na preservación do patrimonio toponímico.
As doce sesións vindeiras
A charlas Toponimízate 2024 comezan este mes de xuño e prolongaranse ata novembro. A primeira cita tivo lugar en Cualedro, o venres 14 de xuño e logo trasladáronse a Vilar de Santos, o sábado 22 de xuño no Museo Etnográfico da Limia. As seguintes paradas son: Camariñas (venres 28 de xuño, ás 20:00 h no Centro Cultural Casa de Pedra), Tordoia (venres 5 de xullo, ás 20:00 h na Casa da Cultura), Abadín (venres 30 de agosto ás 20:00 h no salón de actos da Casa do Concello), Antas de Ulla (venres 6 de setembro ás 19:30 h na Casa da Cultura), Salceda de Caselas (venres 13 de setembro ás 20:00 h na Casa da Cultura Castelao) e Láncara (venres, 20 de setembro ás 12:00 h no CPI Ramón Piñeiro).
Xa en outono, as sesións continuarán en Barro (venres 27 de setembro ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello), A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento), A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11:00 h no salón de plenos da Casa do Concello) e finalmente Boiro (venres 8 de novembro ás 20:00 h no Centro Social de Boiro).
Galicia Nomeada en cifras
Galicia Nomeada recibiu dende finais de 2019 máis de 76.000 achegas públicas dende 306 concellos do país. Só sete municipios, A Capela, Bande, Portomarín, Taboadela, A Teixeira, Toques e Xunqueira de Ambía, seguen pendentes de contar con algún colaborador, aínda que A Capela, Bande e A Teixeira xa foran obxecto de recollidas en parte do seu territorio no marco do PTG.
Os concellos nos que máis achegas públicas leváronse a cabo foron Vigo (6206), Outeiro de Rei (3959), Navia de Suarna (2971), Bueu (2462), Redondela (2350), Rianxo (2259), Cangas (2246), Mondariz (1959), Vilaboa (1901) e Silleda (1803); e noutros 118 recuperáronse máis dun cento de topónimos en cada caso. As contribucións resultaron de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizara o traballo de campo do PTG, como Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda. Cómpre tamén referirse a aqueloutros concellos que comezaron a recoller a súa toponimia tras o paso da campaña Toponimízate. É o caso de Allariz, onde dende outubro de 2022 se recuperaron máis de 1.500 topónimos.