A xira dos monólogos tecnolóxico-retranqueiros de R remata esta semana en Ourense

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días afronta a súa recta final a xira de R destinada a facer repaso da nosa historia tecnolóxica recente, tirando partido do significativo punto de contacto onde conflúen o humor (a nosa retranca), por unha banda, e as tecnoloxías tan revolucionarias da Sociedade do Coñecemento, pola outra. Estes espectáculos de monólogos de R, que se celebran coas dúas décadas de traxectoria da operadora galega como pano de fondo temático, rematan o seu periplo pola nosa aterra o 11 de xaneiro a partir das 11.00 horas, no Auditorio Municipal de Ourense (rúa da Canle 1).
Trátase, en palabras de R, dun novo exemplo da aposta da empresa pola canteira galega do humor, que lle serve, ademais, para facer repaso polos seus principais acontecementos históricos agora que a operadora se atopa mergullada nas celebracións do seu 20 aniversario.
O evento contará coa presenza dos nosos humoristas David Amor e a Oswaldo Digón, que presentarán un novo espectáculo con guión do tamén monologuista e actor galego Xosé A. Touriñán. A obra, Monólogos R: #20anosporaquí, é, en palabras de R, “humor do país enchido de referencias ao pasado e presente da empresa, dende os seus inicios, cando a velocidade de Internet aínda se medía en Kbps, até a era actual dos teléfonos intelixentes na nosa vida cotiá”.

PUBLICIDADE