ADEGA conmemora o Día da Terra cunha lectura continua de eco-poemas nas redes sociais
mércores, 22 de abril do 2020
Este
22 de abril celébrase a nivel mundial o Día da Terra e as
asociacións ecoloxistas da nosa terra vano celebrar malia as
restricións á actividade presencial do Estado de Alarma pola
pandemia. Farano botando man da Internet, as redes e as posibilidades
que estas ofrecen, poñendo o foco na necesidade de reflexionar nos
porqués da crise sanitaria que estamos a vivir: unha crise que ten a
súa orixe na destrución sistemática de hábitats onde fican
latentes e locais patóxenos coma o coronavirus, libres para
espallarse pola man do ser humano. As
redes van ser o escenario principal das actividades de ADEGA, que
celebra o 22 de abril coa iniciativa 50 Poemas de Amor á Terra.
A
asociación publicará nas súas redes sociais, dende as 10.00 horas
de hoxe ata as 20.00 horas, medio centenar de composicións
conmemorativas, creadas ou recitadas por socias, socios e
simpatizantes da causa ecoloxista.
Na
base da celebración atópase o seguinte manifesto resumido: “As
actuais circunstancias fan evidente máis que nunca que a Terra e o
medio ambiente están no centro da Vida, e que se non contamos con
Ela o noso futuro será moi incerto”. Por esta razón, ADEGA
convida á cidadanía galega a festexar esta efeméride expresando “a
través dos seus foros e redes sociais o amor e a gratitude que
senten pola Terra”.
Para
facelo, a asociación fará uso do que, nas súas palabras, é “a
forma de expresión por excelencia do amor”. Ou sexa, a poesía. Ao
longo do día de hoxe ADEGA publicará nas súas redes sociais un
total de 50 eco-poemas enviados polos seus socios e socias e
simpatizantes para simbolizar o seu amor pola Terra. Os vídeos
recompilatorios dos poemas poderanse ver nas contas de Facebook,
Twitter e Instagram
de ADEGA, e tamén na súa canle de Youtube.
