ADICAE Galicia organiza un acto-debate sobre os dereitos dos consumidores na Rede

luns, 21 de marzo do 2022 Anxo Sesto

A Asociación ADICAE Galicia organiza polo Día do Consumidor un acto onde se informará aos consumidores acerca dos seus dereitos ante a revolución tecnolóxica. A este acto acudirán diversos expertos que tratarán cuestións acerca de ciberseguridade e os dereitos dos consumidores.
Segundo informa a entidade, a dixitalización no noso día a día acelerouse dende o comezo da pandemia, e con isto o aumento de delincuencia en liña. A asociación ADICAE engade que “o proceso de dixitalización debería ser xusto e responsábel, e para iso é fundamental contar con información e educación tecnolóxica de calidade”. Tamén destacaron que durante o 2021, un dos temas que máis consultas recibiron foi o da dixitalización e ciberseguridade. Segundo o Ministerio de Interior e o Índice de Civismo Dixital, España está á cabeza de estafas e fraudes pola Rede a nivel mundial. Amais, ADICAE engade que os delitos de ciberestafas son cada vez máis elaborados e afectan inclusive a xente con certa educación en seguridade dixital: “As estafas máis comúns adoitan ser as que contactan coa nosa asociación a través do email, SMS ou chamadas que semellan auténticas e indícanos que entremos en certa ligazón para cubrir uns datos”, explica a asociación, que lembra que “para previr esta situación, é importante coñecer os dereitos que temos os consumidores, as ferramentas que podemos empregar para evitar as ciberestafas e como actuar en caso de que ocorran”. A actividade de ADICAE terá lugar o vindeiro martes 22 de marzo ás 18:00h no salón de actos da UNED A Coruña e tamén se poderá participar, escoitar e propor dúbidas de forma telemática nunha ligazón xa habilitada.

PUBLICIDADE