AEMOS crea un almacén virtual no que formar ás persoas usuarias nos labores asociados
venres, 9 de marzo do 2012
A Asociación de
Empresarios de Mos (AEMOS), na súa teima por modernizarse e
desenvolver accións innovadoras coas que beneficiar á sociedade en
xeral e aos seus asociados en particular, vén de crear unha empresa
virtual ficticia na que formar a 20 persoas en materia de loxística
de almacén, realizando en liña os labores propios do posto de
traballo real.
Estas persoas, que
na actualidade se atopan en situación de desemprego, son usuarias do
Plan Emprego Insere 2.0, e usan esta ferramenta a modo de simulacro,
rotando polos diferentes departamentos do almacén virtual e
desempeñando as labores propias de cada un.
Deste xeito, os
usuarios están a aprender a recibir pedidos, a almacenar mercancía,
a elaborar albaráns e mesmo a manexar unha carretilla, labores que
normalmente requirían distintas accións formativas que se facían
por separado, e que por primeira vez, ademais de aglutinalas todas
nun só curso, pódense realizar comodamente de xeito virtual.
Alfonso
Pérez, profesor do curso, explica que se trata dunha acción
formativa innovadora que posúe un alto valor engadido, “por
unha parte nos observamos as diferentes actitudes, comportamentos e
condutas do alumno, vendo realmente a súa predisposición e como
este se desenvolve no posto de traballo, de cara a unha posible
futura inserción laboral, e pola outra, ao propio alumno tamén lle
axuda a autoavaliarse”.
Os
alumnos e alumnas realizan os labores diarios como se dunha empresa
real se tratase, e manipulan pedidos e material que terían que
almacenar na vida real, como bidóns, caixas, palés...
Ademais
reciben formación sobre prevención de riscos e realizan revisións
periódicas para comprobar que todo se rexe e cumpre segundo a
normativa vixente.
A
intención desta Asociación é de continuar nun futuro con
iniciativas como esta, empregando a mesma metodoloxía innovadora a
través da que, segundo afirma o xerente de AEMOS, Francisco
Domínguez, “os alumnos saen moito máis preparados, adquirindo
os coñecementos e a práctica necesarios para afrontar a inserción
laboral con maiores competencias”.
Esta
entidade pontevedresa está inmersa no desenvolvemento do Plan Insere
2.0, que neste intre está xa na fase de acción directa do emprego,
logo dunha “laboriosa e importante etapa de selección de
candidatos”, que se levou a cabo por medio de entrevistas en
profundidade e dinámicas de grupo.
