AGASOL e AMTEGA inician con Girl STEAM unha xira por unha vintena de concellos galegos

luns, 19 de xullo do 2021 S. P.

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) chegarán a unha vintena de concellos galegos co nova edición do programa Girl STEAM, dirixido a incentivar novas vocacións TIC entre a rapazada (facendo especial fincapé nas mozas e avanzando deste xeito na loita contra a fenda tecnolóxica de xénero) coa implicación directiva dunha rede de profesionais de recoñecido prestixio.
As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros formativos prácticos presenciais en 18 concellos galegos. En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos.
O programa iníciase o 19 de xullo en Guitiriz.
AGASOL explica que o aforo máximo por quenda será de 10 persoas e terán lugar, sempre que sexa posíbel, nas aulas CeMIT da Xunta.
Os lugares e as datas de celebración dos obradoiros de están dispoñíbeis na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza.
AGASOL tamén difundirá información sobre as xornadas desde a súa web e redes sociais.
Como dixemos, o primeiro dos obradoiros levarase a cabo na localidade de Guitiriz, este luns 19 de xullo.
O miolo do programa
AGASOL explica que “nestes obradoiros tomarase contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa”, creando circuítos en papel, programando os seus propios videoxogos coa ferramenta Scratch ou creando cómics interactivos co kit creativo e interactivo Makey Makey e outros inventos. “Os obradoiros adaptaranse ao público e ás características técnicas de cada aula”, apunta a asociación engadindo que a metodoloxía busca que as nenas e nenos participantes “poidan facer cousas como pór en marcha un circuíto eléctrico cun só LED e que este brille nun papel” ou outro tipo de proxectos máis avanzados como que requiran coñecementos e experiencia en programación, amais de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
De xeito transversal, a idea é “motivar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas”, para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC. Este ano, como novidade, engádese a “A” de artes, xa que se considera que a creatividade e as artes forman parte do desenvolvemento social e económico actual.
AGASOL lembra que en 2020 realizáronse e divulgáronse seis conversas gravadas con mulleres referentes a nivel internacional nos eidos científicos e tecnolóxicos, que achegaron a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

PUBLICIDADE