AGESTIC percorrerá Galicia con obradoiros sobre responsabilidade social no sector TIC

luns, 8 de outubro do 2007 Raquel Noya

A entidade galega AGESTIC, en colaboración con Obra Social de Caixa Galicia, vai levar a cabo o proxecto Talleres de Responsabilidade Social Empresarial co obxectivo de implantar este tipo de política corporativa (vémolo neste pdf) nas empresas do sector TIC da nosa terra. Estes obradoiros, cofinanciados pola Consellería de Innovación, poranse en funcionamento o vindeiro mércores 10 de outubro na Coruña da man de Consultores Especializados de Serviguide e posteriormente trasladaranse (ó longo de todo o mes de outubro) ás sedes da Fundación Caixa Galicia en Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
As prazas para asistir ós devanditos talleres son limitadas e a inscrición, que é de balde, farase enviando un correo electrónico a tecnicos@agestic.org.
O orzamento co que conta AGESTIC para levar a cabo esta iniciativa é de 42.000 euros cos que se pretende chegar a 200 empresas do sector das novas tecnoloxías interesadas en coñecer os modelos de responsabilidade social e implantalos nas súas entidades.
Estes Talleres RSE desenvolveranse de xeito práctico, cunha exposición da importancia que ten para as empresas a responsabilidade social como elemento de coherencia de actuacións responsables entre a cidadanía así como o xeito de implantar a RSE e a avaliación da situación de partida da empresa.