AI-LALELO queda subcampioa no AI Song Contest

xoves, 7 de xullo do 2022 Redacción

O equipo PAMP! entrevistado na gala final

A cidade belga de Liège acolleu onte a gala final do AI Song Contest 2022, concurso europeo de cancións escritas por intelixencia artificial. A candidatura galega AI-LALELO do equipo PAMP! acadou a segunda praza, logrando a mellor puntuación do televoto entre as cancións finalistas. O equipo logra así o mellor resultado xamais obtido por un equipo galego ou unha candidatura española.
A canción galega competiu contra outros 14 temas finalistas de distintos países. O tema Demons & Gods, do equipo Yaboi Hanoi (Tailandia) resultou a gañadora desta edición do certame na suma dos votos do xurado e do televoto.
O equipo tailandés foi primeiro no voto de xurado, pero sexto no televoto. Pola súa banda, o equipo de AI-LALELO logrou a primeira praza no televoto e foi a terceira mellor segundo o xurado.
Tanto a canción gañadora como a galega comparten a reivindicación das culturas minorizadas, co obxectivo de poñer a intelixencia artificial ao servizo da lingua, da cultura e da identidade propias.
“Para nós, o principal éxito foi crear unha canción en galego a través da intelixencia artificial. Chegar á final desta Eurovisión permitiunos amosar ao mundo o talento tecnolóxico e cultural galego”, explica Joel Cava, líder da iniciativa e responsable creativo da axencia compostelá Cecubo Group.
A gala enmarcouse no Día da Intelixencia Artificial e a Creación do cumio tecnolóxico Wallifornia Music & Innovation. O acto celebrouse no espazo tecnolóxico e de emprendemento Le Grand Post de Liège, pero tamén se retransmitiu internacionalmente pola canle oficial do festival.
O televoto e o xurado profesional conformaron nun 50% cada un o veredicto final do certame. Concretamente, o panel de expertos formárono 30 especialistas en intelixencia artificial aplicada á música das principais universidades e centros de investigación tecnolóxica neste eido, empresas coma Google, Microsoft, Sony Music e Warner Music e anteriores participantes do festival.

Grande experiencia na final

Joel Cava, do equipo PAMP! e responsable creativo de Cecubo Group, defendeu o proxecto acompañado de Roi Pérez Vila, director de análise e intelixencia da citada axencia compostelá.
Durante a gala final, os 15 finalistas compartiron a súa experiencia e proceso creativo con entrevistas. A organización do certame amosou novas ferramentas de intelixencia artificial en composición musical. Ademais, a artista dixital alemá Portrait XO amenizou o espectáculo cunha actuación musical en directo xerada con intelixencia artificial.
“Agradecemos o grande esforzo do equipo que impulsou este proxecto tecnolóxico, así como ás persoas que nos votaron, ás que difundiron a nosa candidatura e por suposto á organización do festival”, engade Cava.
O grupo de traballo PAMP!, en homenaxe á primeira programadora informática galega, Ana María Prieto, está formado polos profesionais Juan Alonso, Sofía Oriana, Xandre Outeiro, David Santos, Marta Verde e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group, coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva Outeiro.
Nun proceso creativo de catro meses, o equipo galego compuxo AI-LALELO a partir da intelixencia artificial aplicada á composición da letra, harmonías, instrumentos e videoclip da canción. O tema pretende ser unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura.

PUBLICIDADE