AMIGA Space mostra o empuxe do sector galego da animación e dos contidos dixitais

venres, 28 de febreiro do 2025 S. P.

Este venres 28 de febreiro celebrouse no centro AMIGA Space de Carral o evento Animación en Serie, adicado a series de animación infantil producidas en Galicia. Na cita, organizada polo centro AMIGA coa colaboración da CRTVG, RTVE, Sygnatia, o Concello e a Deputación (entre outras entidades), participou a deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, que destacou a “relevancia do sector audiovisual en Galicia” e o “compromiso da Deputación coa innovación dixital”, en clara referencia á recente posta en marcha do CEI, Coruña Estudo Inmersivo, na Cidade das TIC da Coruña.
A apertura da xornada, dedicada ás series de animación infantil producidas en Galicia e que reúne a destacados profesionais do sector co obxectivo de poñer en valor a industria da animación como motor económico e cultural na comunidade, correu a cargo da deputada provincial, Rosa Ana García; do alcalde de Carral, Javier Gestal; do vicepresidente da Agrupación Industrial Audiovisual de Galicia, Gaspar Broullón; e do director de Amiga Space, Xosé Zapata.
Durante a súa intervención a deputada destacou "o papel chave da animación, como unha das formas máis potentes de arte e comunicación na actualidade" e subliñou "a relevancia do sector audiovisual en Galicia". Así mesmo puxo en valor "o compromiso da Deputación coa innovación dixital e a formación da xuventude en novas tecnoloxías, promovendo iniciativas educativas en animación, efectos visuais e programación, con especial atención á redución da fenda de xénero no sector".
O evento incluíu diversos relatores e mesas redondas centradas na creación e produción de series de animación galegas, así como na súa proxección internacional, que permitiron a estudantes e profesionais do sector da animación vivir a experiencia de producir unha serie de animación.
Entre as actividades destacadas, presentouse o proceso de desenvolvemento da serie Bibopalula polo seu equipo creativo e abordouse a creación de marcas internacionais desde Galicia coa participación de Ton Pernas, Creador de The Wawies e director creativo de Wawaland Planet.
Ademais, tratouse a temática da coprodución internacional desde Galicia, coa intervención de Xosé Zapata (produtor), David Saborido e Laura Blanco (animadores), quen compartiron a súa experiencia na industria.
O evento concluíu coa mesa redonda Animando Galicia, na que se trataron os desafíos de producir animación en Galicia e na que participaron expertos do sector como Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan TV; María Sabucedo, directora das plataformas Xabarin.gal e Agalega.gal; Xosé Zapata, produtor de O Diario de Alice; Ton Pernas, creador de The Wawies; e Álvaro Pérez, produtor de Bibopalula.