AMTEGA mantén a colaboración con FEGAUS para a capacitación dixital das persoas maiores

luns, 3 de outubro do 2022 Redacción

A AMTEGA conmemorou o pasado sábado o Día Internacional das Persoas Maiores, reforzando o seu compromiso coa capacitación dixital deste colectivo, para o que vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), que dará continuidade ao obxectivo de seguir impulsando a inclusión das persoas maiores no mundo dixital e a favorecer un envellecemento máis activo e saudable.
Este convenio enmárcase dentro das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e contribuirá a acadar que hasta 2025 máis de 45.000 persoas adquiran competencias dixitais.
O novo acordo permitirá ás persoas maiores acceder a formación para un uso seguro da banca electrónica, a través de diferentes xornadas nas aulas CeMIT, nas que se afondará no uso de tarxetas prepagamento, caixeiros automáticos, banca online etc..
Afiánzase así unha longa colaboración co aliado dixital FEGAUS que colabora activamente coa Rede CeMIT, achegando desta oferta formativa á cidadanía, que contribuíu a que en cinco anos, entre 2015 e 2020 o uso da Internet entre as persoas de 65 e 74 anos se incrementara un 152% en Galicia.
O papel da Rede CeMiT é chave para facilitar a accesibilidade das persoas maiores á tecnoloxía, facendo foco especialmente naquelas que residen en zonas rurais. Actualmente 28,81% de usuarios ten 55 ou máis anos. Ademais, presta especial atención ás persoas maiores con deterioro cognitivo, dependentes e en situación de especial vulnerabilidade.

PUBLICIDADE