AMTEGA reforza DigiTalent cun novo programa de webinarios para fomentar vocacións TIC

luns, 7 de febreiro do 2022 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de compartir detalles sobre a nova liña de traballo do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, un programa que, como se indica no seu nome, ten por obxectivo estimular a vertente tecnolóxica da nosa mocidade ao tempo que se lle mostra como é o día a día dunha persoa profesional das TIC. A nova liña non é outra que a axenda de webinarios TransformaTech Sessions, unha iniciativa liderada por AMTEGA para afondar no dito obxectivo de impulsar vocacións.
O ciclo arrinca neste primeiro trimestre do 2022 e estenderase ata o mes de outubro de 2022 cun amplo programa de relatorios “en continua actualización”, sinala a axencia que dirixe Mar Pereira, engadindo que contará coa participación dos profesionais expertos das principais empresas tecnolóxicas galegas e dos colexios profesionais do ámbito dixital.
Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen “gran impacto na sociedade dixital”, temáticas como a análise da información a gra escala (o Big Data), a ciberseguridade, a Intelixencia Artificial, o Internet das Cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión medioambiental.
Achegaranse contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces a rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.
O ciclo de webinarios abre este luns 7 de febreiro a súa inscrición aos primeiros relatorios para os máis novos/as.
AMTEGA explica que “as xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo”, un formato co que se busca achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes “dun xeito dinámico”, xerando “espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquedanzas”.
Esta iniciativa súmase ás máis de quince actuacións previstas para o primeiro trimestre do 2022, coas que se segue a poñer o foco na promoción do talento dixital entre a cidadanía ao longo de todas as etapas da súa vida.
Iniciativas dirixidas á nenez e a adolescencia
A AMTEGA segue a poñer o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, onde destacan as actuación dirixidas a centros educativos. Neste eido, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, no que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade.
Pola súa banda, Altia Consultores vén de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos desfruten ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do centro de procesamento de datos de Altia situado en Vigo.
AMTEGA engade que este trimestre “vén marcado tamén polo lanzamento de obradoiros de introdución á tecnoloxía LED, ao deseño e impresión 3D e á robótica colaborativa impartidos polos expertos e expertas de Televés e pola apertura de Mentoring Day, co que se busca achegar ao alumnado da ESO e Bacharelato á realidade do mundo laboral acompañados polos profesionais da empresa.”
Estas actividades compleméntanse coa próxima edición do programa Tecnólog@ por un día, na que o alumnado galego volverá ter a oportunidade de vivir de primeira man unha xornada de traballo no sector TIC de Galicia.
Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co “obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas no eido das novas tecnoloxías”.
En liña con este eixe estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT DATA suman esforzos coa axencia autonómica para impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE