APD convoca 300 directivos galegos nunha xornada sobre dixitalización

martes, 23 de febreiro do 2016 Redacción

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e Bankia organizan este 24 de febreiro en Vigo a xornada Dixitalización da empresa, Transformando o modelo de negocio. O encontro, que prevé xuntar máis de 300 directivos de empresas galegas, será inaugurado por Emilio Pérez Nieto, presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF) e clausurado por Francisco Conde, conselleiro de Economía. A cita será no Hotel Pazo dos Escudos de Vigo. O obxectivo da xornada é explicar “como o impacto das novas aplicacións dixitais está a condicionar os modelos de negocio e reclamando un novo estilo de relación con clientes e provedores en toda a cadea de valor das empresas”.
A apertura da xornada virá da man de Santiago Sesto, director de APD a Zona Noroeste e José Manuel García, director de Negocio de Empresas Norte de Bankia. A sesión contará coas intervencións de Javier Sánchez, director de Innovación en Layout Tecnolóxico de Bankia, Guillermo Barrenechea xefe de Produto de B-TALENT, José Ángel Veiga, director territorial de Galicia e Asturias de SATEC, Frances Pumarola, responsable dixital de Hijos de Rivera, Pilar Santamaría, directora da Unidade de Negocio de Cloud + Enterprise de Microsoft, Francisco Lázaro, xefe de Seguridade da Información de RENFE, José Alberto de la Parte, director de Proxectos Estratéxicos de Zabala e Celso Rodríguez, director Centro de Empresas de Vigo Bankia.