Abanca incorpora a identificación mediante pegada dixital á súa aplicación móbil

mércores, 27 de xullo do 2016 Redacción

Abanca vén de lanzar unha nova versión da súa banca móbil que permite aos seus clientes acceder identificándose coa súa pegada dactilar, de xeito que sería a primeira entidade bancaria estatal en ofrecer este servizo aos usuarios con móbiles con sistema operativo Android 6.0 ou superior, xa que esta funcionalidade estaba dispoñible ata agora unicamente para usuarios con dispositivos de Apple. O 77% dos clientes de Abanca con móbil teñen un dispositivo con sistema Android, mentres que o 23% dispón dun móbil de Apple.
Esta nova forma de acceso con pegada en substitución do PIN mantén a máxima seguridade nas operacións e o seu uso está dispoñible en todos aqueles smartphones que incorporan esta tecnoloxía (cada día máis frecuente) conseguindo así “que o cliente poida acceder de forma máis cómoda e rápida, mantendo a mesma seguridade”, segundo explica Rebeca Cores, directora de Arquitectura de Abanca.
O lanzamento dunha nova versión de banca móbil non se limita á incorporación da identificación mediante pegada dixital, senón que tamén se aproveitou a actualización para incorporar un deseño máis atractivo e novas funcionalidades para os clientes, como a posibilidade de apagar e acender tarxetas, de maneira que só funcionarán cando o cliente queira. Ademais, desde a banca móbil tamén se pode modificar os importes máximos para operar con tarxetas, cambiar o PIN da banca electrónica ou crear tarxetas virtuais de forma rápida e sinxela para comprar pola Internet.

JPEG - 82.1 KB
A nova funcionalidade está dispoñible para smartphones con Android 6.0 ou superior

PUBLICIDADE