Abanca recibe un premio internacional por un proxecto de IA

xoves, 6 de xuño do 2024 S. P.

Abanca vén de recibir o premio na categoría Innovation Brillance do certame SS&C Blue Prism Customer Excellence Awards. Este novo recoñecemento chega grazas á destacada contribución da entidade financeira no eido da automatización e, especificamente, polo seu proceso robotizado de financiamento ao consumo en Abanca Servicios Financieros (ASF).
Segundo a compañía internacional SS&C Blue Prism, o proxecto da entidade galega “demostrou ser altamente efectivo na automatización da admisión de solicitudes de financiamento desde os puntos de venda, reducindo drasticamente o tempo dedicado a tarefas manuais, mellorando os tempos de resposta do servizo de atención ao cliente e xerando significativas eficiencias”.
O xurado eloxiou “a capacidade de Abanca para xestionar centos de milleiros de solicitudes de clientes utilizando esta combinación innovadora de tecnoloxías”.
A entidade galega lembra que dende que implantou esta mellora, o robot tramitou máis de 18.500 solicitudes. "A introdución da Intelixencia Artificial permítenos dar un mellor servizo aos nosos clientes, máis áxil e homoxéneo, e ademais facilítanos dedicar o labor dos equipos a tarefas onde se achega máis valor”, sinalou o director de Abanca Servicios Financieros, Jesús Suárez López, engadindo que a transformación e dixitalización dos procesos constitúen “eixes estratéxicos de entidade”. Por iso, explica, creouse un equipo de traballo específico cuxo obxectivo é a aplicación destas tecnoloxías innovadoras para reducir os tempos de resposta, aumentar a calidade e a eficiencia, e diminuír o risco operativo dos procesos máis críticos. Estas melloras iranse implantando progresivamente ao longo dos próximos meses.
"Fomos capaces de constituír un equipo dinámico, multidisciplinar e vangardista, que nos permitiu ser pioneiros na implantación de solucións que combinan os nosos modelos de Intelixencia Artificial, a IA xenerativa e a plataforma de robotización, para así resolver problemas complexos dunha maneira que era inimaxinábel hai apenas dous anos", engade o director de Data, Analytics e Rtech de Abanca, Jorge García Romarís.

PUBLICIDADE