Abertas as inscricións para os obradoiros da nova edición de Carballo Interplay

martes, 27 de xullo do 2021 Sandra Rivadulla

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay celebrará a súa oitava edición do 8 ao 11 de setembro. As inscricións para o seu programa formativo xa están abertas dende este 27 de xullo.
Nesta ocasión, o Festival inclúe un Taller Kamikaze de creatividade audiovisual "extrema" de tres días completos para 12 persoas e un obradoiro de creación de contido dixital para as xeracións Y e Z con responsábeis do medio de alcance global Freeda. Esta actividade celebrarase o xoves 9 de setembro de 17:00 a 20:00 no Pazo da Cultura de Carballo e nela poderán participar un máximo de 20 persoas.
A experiencia audiovisual kamikaze quedará reservada para os días 30 e 31 agosto e 1 setembro, en horario intensivo de 10:00 a 20:00 horas. As persoas que participen no obradoiro deberán idear, gravar e postproducir capítulos de serie Dinosauro, os cales se estrearán unha semana máis tarde no festival. A este acto virán profesionais do sector como Alfonso Zarauza, Lucía Regueiro, Antón Varela, Iago López, Leticia T. Blanco ou Javi Camino. Os interesados poderán preinscribirse antes do 16 agosto.
Pola súa parte, o 9 de setembro, as directoras de contidos de Freeda: Raquel García Trigueros e Clara Amechazurra Falagán, ofrecerán un obradoiro de 3 horas de duración sobre a creación de contido dixital para as xeracións Y e Z. As persoas que participen neste obradoiro coñecerán todos os recursos que emprega Freeda para crear o contido inspiracional e feminista que difunde a través das redes sociais. Os interesados nesta formación, poderán inscribirse antes do 23 de agosto.
Cómpre mencionar, que na súa oitava edición, o festival pretende dotar con 3.000 euros ao ganador do premio do mellor proxecto de webserie en galego. A data límite para presentarse a esta actividade é este sábado, 31 de xullo. Os proxectos deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais.

PUBLICIDADE