Aberto o prazo para incorporar centros ao programa de innovación educativa Club de Ciencia

xoves, 17 de xuño do 2021 Pedro Pérez

JPEG - 491 KB
Unha das actividades recentes do Club da Ciencia co investigador, científico e divulgador Jorge Mira

A Xunta de Galicia vén de anunciar a apertura do prazo de incorporación de novos centros ao programa de innovación educativa Club de Ciencia, que ten como obxectivo promover o desenvolvemento das competencias científico-tecnolóxicas entre os máis novos. Esta será a sexta edición da iniciativa, que naceu no 2016/17 con nove centros e chegou aos 117 centros na pasada campaña. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de setembro de 2021.
Este programa é un complemento clave da folla de ruta coa que o Goberno galego impulsa a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no currículo de todas as etapas educativas.
O Club de Ciencia defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes acción enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade, e un actuará como persoa coordinadora do club. Cada centro docente participante recibirá unha achega económica a determinar en función do número de centros que finalmente participen.
Deste xeito, os centros docentes públicos que impartan ensinanzas de Educación Primaria, Secundaria ou Bacharelato poderán presentar solicitudes ata o 17 de setembro do 2021. O formulario de inscrición e a documentación dirixirase Á Secretaría Xeral de Educación e FP e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE