Abre o prazo para participar na 3ª edición da aceleradora de internacionalización Galicia Avanza
martes, 27 de febreiro do 2024
- Patricia Argerey, directora da axencia galega GAIN, na presentación da nova edición de Galicia Avanza
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, posto en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre GAIN, o IGAPE e a Tecnópole, ten aberto neste intre o prazo da terceira convocatoria, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 19 de abril a través da páxina web do programa.
O obxectivo desta iniciativa, xestionada e coordinada por Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñíbeis ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posíbel. “O programa aspira a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados”, sinalan dende a Tecnópole, engadindo que o método de traballo pon o foco na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posíbeis colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Como principal novidade desta edición e co fin de dar oportunidade a novas pemes innovadoras, non van poder ser beneficiarias empresas que xa teñan participado en convocatorias anteriores do programa. Á hora de seleccionalas, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Ademais, incentivarase a participación de pemes que non recibisen axudas previas da Axencia Galega de Innovación nin de Tecnópole, e tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de dez meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de mercadotecnia (marketing), a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentorización, asesoramento e formación comercial e técnica.
Durante os primeiros dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de consultores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.
Nas dúas edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 60 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.